Últimos días para presentar propostas á convocatoria de proxectos artísticos e de comisariado para a Zona C

O Auditorio de Galicia mantén aberta ata o mércores 13 de maio ás 23.59 horas a convocatoria pública para a selección de proxectos de creación artística e comisariado que formarán parte da programación da Zona C durante os anos 2026 e 2027. A iniciativa busca impulsar a arte emerxente galega e achegar á cidadanía propostas contemporáneas, consolidando este espazo como un lugar de experimentación, visibilización e reflexión crítica arredor da creación actual.

A convocatoria está dirixida a artistas e comisarias/os —de maneira individual ou colectiva— que naceran ou residan en Galicia e que teñan menos de 35 anos no momento de presentar a solicitude. Cada participante poderá presentar un único proxecto, que deberá destacar pola súa calidade e viabilidade, así como pola súa capacidade de diálogo co espazo patrimonial da Zona C.

Imaxes das propostas seleccionadas da convocatoria para o período 2024-2025, cos proxectos de Nera Cordeiro (esquerda), Sergio Meijide a partir da obra de Javier Martín (centro), e Ana Moure Rosende (dereita)

As propostas poderán concorrer en dúas modalidades: proxectos de creación artística e proxectos de comisariado. O Auditorio de Galicia seleccionará ata un máximo de catro iniciativas —tres de creación e unha de comisariado— que se desenvolverán nos espazos expositivos do primeiro e segundo andar da Zona C. Cada proxecto contará cunha dotación económica de 4.000 euros no caso da creación artística e de 6.000 euros para o comisariado, incluíndo todos os custos asociados á súa execución.

A valoración das propostas atenderá principalmente á súa calidade e coherencia, á viabilidade no espazo expositivo e á súa conexión coas correntes contemporáneas, así como ás posibles actividades de mediación asociadas. As intervencións seleccionadas deberán adaptarse ao calendario de programación do Auditorio de Galicia, que establecerá as datas en coordinación coas persoas participantes 

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente a través da sede electrónica do Auditorio de Galicia (sede.compostelacultura.gal), mediante solicitude xeral, indicando a modalidade correspondente. 

Toda a información detallada sobre as bases, así como os planos do espazo expositivo para a elaboración das propostas, pode consultarse en compostelacultura.gal ou a través do correo electrónico exposicions@auditoriodegalicia.org.