O XII Certame Galego de Bandas de Música terá lugar no Auditorio de Galicia os días 3 e 4 de novembro e nel participarán 16 agrupacións que, por primeira vez, terá carácter internacional coa participación da Sociedade Musical de Previdém, que viaxará a Santiago desde a cidade portuguesa de Guimarães. Tamén, por primeira vez, outorgarase un premio ao mellor director ou directora do certame grazas á colaboración da Escola Galega de Dirección de Banda.
A competición dará comezo na tarde do sábado 3, coas actuacións das bandas das Sección Terceira (para agrupacións de ata 50 músicos) e da Sección Xuvenil, para formacións con non máis de 50 compoñentes con idades que non superen os 19 anos. A incorporación desta última categoría é unha das novidades deste ano, xunto coa da Sección Infantil, para agrupacións de máis de 25 integrantes que non superen os 14 anos.
As bandas infantís actuarán o domingo 4, cando subirán tamén ao escenario do Auditorio de Galicia as seleccionadas nas seccións primeira (con máis de 70 músicos) e sección segunda (de 51 a 70).