CONCERTO
O Auditorio de Galicia acollerá o sábado 30 de maio, ás 20.30 horas, o concerto As rúas do vento ceibe, unha proposta que pon en diálogo a forza da poesía galega coa creación musical contemporánea. A partir de textos de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro e Manuel María, o compositor Xosé Carlos Seráns Oliveira constrúe unha partitura que percorre emocións, territorios e memoria colectiva.
A interpretación correrá a cargo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, acompañada por un amplo coro mixto formado por agrupacións de Marín, Lugo, Vilagarcía, Compostela e Pontevedra, así como por un coro xuvenil integrado por formacións de Pontevedra, Lugo e Ferrol. Completa o elenco a mezzosoprano Julia Portela Piñón, baixo a dirección de David Fiuza.
As rúas do vento ceibe propón unha experiencia escénica na que música e palabra se entrelazan para ofrecer unha lectura contemporánea da identidade galega, evocando paisaxes físicas e emocionais a través dunha mirada coral e interxeracional.
Un encontro coa tradición poética e coa creación musical actual que convida o público a escoitar, sentir e recoñecerse nunha mesma paisaxe compartida.