PRESENTACIÓN PROXECTOS CREACIÓN ARTÍSTICA E COMISARIADO ZONA C

Zona C. Punto de información cultural
DATOS BÁSICOS

Promover a arte emerxente do país e achegar á cidadanía os discursos e propostas de vangarda chamados a anovar o panorama creativo galego son os obxectivos centrais da nova convocatoria para a selección de proxectos de creación artística e de comisariado para a Zona C que promove o Auditorio de Galicia a través do selo Compostela Cultura.

 

Aberta á participación individual ou colectiva, a convocatoria diríxese a artistas, curadoras e curadores, que naceran ou residan en Galicia e que teñan unha idade inferior aos 35 anos no momento da presentación da solicitude. As bases para a selección de proxectos están á disposición das persoas interesadas na web de Compostela Cultura e no taboleiro de anuncios do Auditorio de Galicia e o prazo para a presentación de propostas, que deberá realizarse sempre a través da sede electrónica do Auditorio, esténdese do venres 22 de marzo ao domingo 21 de abril.

Modalidades, criterios de valoración e dotación

A convocatoria distingue dúas modalidades de proxectos, de creación artística e de comisariado, e só poderá presentarse unha candidatura por modalidade.

A modalidade de proxectos de creación artística chama as persoas creadoras da contorna contemporánea galega a presentar propostas de intervención de temática libre para desenvolver nos espazos expositivos do primeiro e segundo andar da Zona C · Punto de Información Cultural. Seleccionaranse até 3 proxectos de intervención artística que contarán, cada un deles, cunha dotación de até 4.000 euros (impostos incluídos). Este orzamento deberá incluír os custos relativos á produción transporte e seguro das obras expostas, ás viaxes, dietas, e aloxamento e ás actividades de mediación propostas, así como aos dereitos de autoría ou calquera outro desembolso que supoña a realización da exposición. 

A modalidade de proxectos de comisariado diríxese a persoas dedicadas á práctica curatorial entendida como a relación que desenvolven en contacto con profesionais da creación, a través do discurso artístico e do deseño expositivo. Nesta modalidade, os requisitos de idade e procedencia aplícanse ás persoas solicitantes, pero non ás e aos artistas coas que traballan. Como acontecía na modalidade anterior, só se poderá presentar un proxecto de curadoría por solicitante, de temática libre e ideado para a súa execución na Zona C. O proxecto seleccionado contará cun orzamento de 6.000 € (impostos incluídos), que deberán sufragar os custos de produción, transporte e seguro das obras expostas; honorarios, viaxes, dietas, e aloxamento de curadoras/es e artistas, actividades de mediación propostas e calquera outro desembolso que supoña a realización de intervención, alén dos dereitos de autoría ou aqueles derivados da xestión das pezas con artistas ou con fondos de coleccións.

En ambas as modalidades, a montaxe, a desmontaxe e o deseño dos elementos de difusión e de calquera material que se realice da intervención correrán a cargo do Auditorio de Galicia.

Na avaliación de todas as solicitudes, que efectuará o persoal técnico do Auditorio, terase en consideración, por unha banda, a traxectoria das persoas solicitantes (pola que poderán obter unha cualificación de até 25 puntos) e, pola outra, a calidade e coherencia do proxecto, a súa solidez formal e conceptual, a súa viabilidade con base na adaptabilidade á Zona C, a optimización dos recursos económicos e materiais, a conexión do proxecto coas correntes actuais de creación contemporánea e calidade e relevancia das actividades de mediación (cunha cualificación de até 75 puntos)

Todas as propostas de intervención deberán respectar a arquitectura e composición estrutural da Zona C, dialogar co espazo patrimonial sen danalo e non se aceptarán intervencións que supoñan unha modificación da súa estrutura ou configuración. Non poderán presentar solicitude aquelas persoas seleccionadas en anteriores convocatorias para a Zona C. En caso de non houber concorrencia para ambas as modalidades ou de quedar deserta algunha delas o Auditorio de Galicia poderá́ distribuír a contía dos proxectos seleccionados, sempre e cando exista dispoñibilidade orzamentaria.


Imaxe portada nova Sequitur, Julia Huete, Zona C, 2022

Imaxe nova El jarrón infinito, Mar Ramón Soriano, Zona C, 2022

Zona C

Funcións: 
Xoves, 21 Marzo, 2024 a Domingo, 21 Abril, 2024