PRODUCIÓNS TEATRAIS EXCÉNTRICAS
Idade recomendada: a partir de13 anos
Duración: 95 min
Lingua: Galego
Posfunción o 15 de abril tras o pase
Foco Castelao en escena
Pedriño e Rañolas son contraditorios, extremos, antagónicos, polarizados…mais amigos. Un é o arriscado soñador (unha forma do idealismo) e o outro é un pancista pusilánime (unha forma do materialismo). Esta oposición entre corpo e alma, entre estómago e corazón aparece noutras parellas famosas, como Quixote e Sancho Panza, en Jacques o Fatalista e o seu patrón, ou nos Don Celidonio e o Doutor Alveiros, de Risco. Pedriño e Rañolas entran neste selecto club, unidos a unha manchea de pallasos anónimos, artistas populares que correron as festas e romarías e que Castelao admirou con compasivo humor.
Os pallasos son criaturas feitas de mesturar un tolo e un neno. Para facer un bufón fai falta, ademais, un animal, o animal que todos levamos dentro. Nenos, tolos e animais compoñen o rico universo humorístico de Castelao, o seu retábulo da risa absoluta, da comedia humana do pobo galego. Mofa e Befa vai meter todo este universo humorístico nas figuras de Pedriño e Rañolas. Os Dous de Sempre son como irmáns siameses, escindidos dun mesmo corpo polo bisturí do doutor Castelao, e que andan polo mundo incompletos, tentando reencontrarse e conformar de novo ese corpo único, harmónico, no que unha parte rouba mazás, e outra, cómeas.
(Foto: Sonia García)