MIRAR O SON. NOTACIÓN GRÁFICA NA MÚSICA CONTEMPORÁNEA

DATOS BÁSICOS

Comisariada por  Ignacio Barcia e Iñaki Martínez Antelo a exposición Mirar o son, que recolle máis de douscentos documentos, propón un achegamento ás novas formas de notación musical que xorden aproximadamente a mediados do século XX ata a actualidade. Móstranse exemplos de partituras non convencionais nas que predomina a súa dimensión visual, ou que adoptan linguaxes e sistemas de notación non normalizados. Estas partituras responden a necesidades de notación consecuencia de novas formas musicais, de novos procesos compositivos, das esixencias de notación das formas estendidas de interpretación, da ampliación dos materiais sonoros empregados ou mesmo, en ocasións, do uso da escritura ou a creación visual como ámbito de experimentación compositiva. Atopamos en moitas ocasións conexións con movementos de creación multidisciplinares, como se da de forma paradigmática no caso do movemento Fluxus onde entraron en relación artistas provenientes das artes plásticas, da música, da escritura experimental e doutras disciplinas. Así, a notación gráfica pode entenderse como unha sorte de solapamento do visual co que, nun neoloxismo significativo, denomínase co anglicismo “aural”.

Moitas das partituras expostas, máis aló da súa posible translación sonora, poden considerarse como pura imaxe, podendo ser valoradas dun xeito plástico; de feito, atopamos exemplos de obras concibidas non para a súa interpretación musical, senón para resolverse na evocación sonora que puidesen provocar no espectador, nunha posible “experiencia sonora” xurdida da súa visión; é o caso da denominada “música visual”.

A exposición non pretende un percorrido exhaustivo nin antolóxico senón dar unha mostra variada, con algúns exemplos emblemáticos e ben coñecidos (John Cage, Cathy Berberian, Dick Higgins, Joan La Barbara, LLorenç Barber, Earle Brown, Juan Hidalgo, Tom Johnson, Morton Feldman, Cornellius Cardew, David Young, etc.) e outros quizá menos coñecidos ou máis novos. Os documentos expostos son, en xeral, publicacións mais o menos accesibles, salvo algúns casos en que se trata de edicións xa esgotadas ou impresións adhoc de obras inéditas ou publicadas en formatos dixitais.

Mirar o son non é una mostra concibida só para un público especializado ou con coñecementos musicais, senón que ten una forte intención divulgativa e confórmase dun xeito didáctico. Por iso inclúense documentación audiovisual relacionada coas obras expostas, ademais de publicacións a disposición do público e, por outra banda, hai unha programación de interpretacións dalgunhas das obras expostas que se desenvolve na propia sala de exposicións.

COMPOSITORAS /ES

Georges Aperghis, Clara de Asís, Llorenç Barber, Cathy Berberian, André Boucourechliev, Anthony Braxton, Georges Brecht, Earle Brown, Sylvano Bussotti, John Cage, Cornelius Cardew, Eugenio Carmi, José Luis Castillejo, Philip Corner, Georges Crumb, Carlos Cruz de Castro, Cozette De Charmoy, Thierry De Mey, Andrzej Dobrowolski, Franco Donatoni, Iancu Dumitrescu, Judy Dunaway , Brian Eno , Morton Feldman , Kenneth Goldsmith , Daniel Goode, Barry Guy , Roman Haubenstock-Ramati , Wolfgang Heisig, Juan Hidalgo, Dick Higgins, Heinz Holliger, Toshi Ichiyanagi, Tom Johnson , Mauricio Kagel , Roland Kayn, Alison Knowles, Catherine Kontz, Joan La Barbara , Helmut Lachenmann, György Ligeti, Anestis Logothetis, Annea Lockwood , Daniele Lombardi, Alvin Lucier , Michelle Agnes Magalhaes , Christian Marclay , Josep Maria Mestres-Quadreny, Berio Molina, Robert Moran, Raymond Murray Schafer, Pauline Oliveros, Luciano Ori, Arvo Pärt, Eduardo Partida , Krzysztof Penderecki , Tom Phillips, Steve Reich , Elena Rikova, Theresa Sauer, Leon Schidlowsky , Dieter Schnebel , Yana Shliabanska, Karlheinz Stockhausen, Toru Takemitsu, James Tenney, Jesús Villa-Rojo , Christian Wolff , Iannis Xenaquis e David Young.

A exposición Mirar o son está dentro da primeira edición de Plataforma, Festival de artes performativas, un proxecto desenvolvido por Performa S. Coop. Galega.

 

Información da billeteira: 

Entrada gratuíta

Todos os días de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h

(Os días de concerto a sala de exposicións pecha ás 19.00 h)

Para consultar o protocolo de acceso preme aquí

Funcións: 
Mércores, 16 Setembro, 2020 a Domingo, 15 Novembro, 2020
10:00 a 14:00
16:00 a 20:00
Auditorio de Galicia

UBICACIÓN

Auditorio de Galicia