CINEUROPA
ACTIVIDADES PARALELAS
MESA DE DEBATE: AS DITADURAS SILENCIADAS + PROXECCIÓN BAJO LAS BANDERAS, EL SOL (2025)
A estrea mundial na pasada edición da Berlinale da película documental de Juanjo Pereira Bajo las banderas, el sol permitiu o acceso a un valiosísimo arquivo de imaxes de Alfredo Stroessner, o ditador que gobernou Paraguai entre 1954 e 1989. Stroessner e o seu réxime estiveron moi lonxe de alcanzar a atención informativa internacional doutras ditaduras militares da segunda metade do século XX en Sudamérica, como as de Perú, Bolivia ou outros países que formaron parte do chamado Plan Cóndor deseñado desde o goberno norteamericano de Richard Nixon: Brasil, Uruguai, Arxentina e Chile. E de non ser pola existencia dunha novela de relevo mundial como Yo, el Supremo, de Augusto Roa Bastos, a percepción internacional da figura de Alfredo Stroessner sería aínda menor.
A 39ª edición de Cineuropa celebra esta mesa de debate sobre as ditaduras silenciadas, aquelas que por razóns de peso xeopolítico non recibiron –ou aínda non reciben no caso das aínda existentes- a visibilidade internacional que mereceron.
Interveñen:
Juanjo Pereira | Director do filme Bajo las banderas, el sol
Abraham Buergo | Politólogo, integrante do goberno progresista de Fernando Lugo en Paraguai (2008-2012).
Modera: José Luis Losa | Director de Cineuropa
Despois da mesa redonda, proxectarase o filme Bajo las banderas, el sol (2025), gañador do premio do público na Berlinale deste ano.
BAJO LAS BANDERAS, EL SOL (2025)
Juanjo Pereira
Paraguai, Arxentina, Francia, Estados Unidos, Alemaña / 90 min / Documental / Castelán
Ficha técnica:
Guión: Juanjo Pereira
Fotografía: Francisco Bouzas, Pascual Glauser
Edición: Manuel Embalse
Produción: Ivana Urizar, Gabriela Sabaté, Paula Zyngierman, Leandro Listorti, Juanjo Pereira
Sinopse:
A partir de 120 horas de imaxes de arquivo, este documental afonda na maquinaria oculta da ditadura de Alfredo Stroessner en Paraguai, un dos réximes máis longos da historia contemporánea. Desde a propaganda ata as emisións internacionais, o filme revela como os medios de comunicación moldearon o poder, controlaron a memoria colectiva e construíron un legado que aínda perdura hoxe.