CINEUROPA
ACTIVIDADES PARALELAS
La casa de la Troya
Unha noite revelada…
1925 – 2025
Centenario da primeira adaptación cinematográfica
En 1924 filmábase en Galicia unha das primeiras películas do cinema mudo: La casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugín. Estreada en 1925 no Teatro da Zarzuela, en Madrid, e seguidamente no Teatro Principal de Santiago de Compostela, tivo un éxito inmediato, percorreu diferentes salas da península e chegou mesmo ao outro lado do Atlántico, proxectándose no mítico Carnegie Hall de Nova York, deixando unha pegada duradeira no cinema galego. A historia, ambientada en Santiago de Compostela, levou a cámara a distintos puntos da cidade e de Galicia, ofrecendo unha visión da sociedade galega de comezos do século XX, entre tradición e o impulso da modernidade. A película amosa paisaxes, arquitectura e formas de vida dun tempo en transformación, e foi recibida con entusiasmo polo público. No marco do centenario desta obra pioneira, Unha Noite celebra a efeméride con diversas actividades. En Compostela, propón unha proxección especial da película no Teatro Principal, acompañada de música en directo composta especialmente para esta ocasión. Esta sesión recupera o espírito do cinema mudo da época e retorna a un dos espazos que forman parte da propia historia do filme. A proxección do filme estará acompañada de música en directo, composta expresamente para esta ocasión polo compositor e pianista Brais González e a cargo do Caspervek Ensemble.
LA CASA DE LA TROYA (1925)
Alejandro Pérez Lugín, Manuel Noriega
España / 130 min / Ficción / Español
Ficha artística:
Carmen Viance, Dolores Valero, Luis Peña, Pedro Elviro, Domingo del Moral
Ficha técnica:
Guión: Alejandro Pérez Lugín
Fotografía: José Gaspar, Agustín Macasoli
Produción: Antonio Moriyón
Dirección artística e produción: Unha Noite – Estíbaliz Santamaría Cadaval
Composición e dirección musical: Brais González
Intérpretes: Caspervek Ensemble
Colaboración musical especial: Troyanos de Compostela
Sinopse: En pleno Santiago de Compostela de comezos do século XX, Gerardo Roquer, un estudante madrileño despreocupado e vividor, chega á pensión universitaria coñecida como “La casa de la Troya”, onde convive cun grupo de compañeiros tan bohemios como rebeldes. A súa vida muda ao coñecer a Carmiña, unha moza inocente da cidade, por quen comeza a cuestionar o seu pasado frívolo e o seu futuro incerto. Entre serenatas, festas e liortas estudantís, a película debuxa con humor e tenrura o ambiente universitario compostelán e os primeiros pasos dun amor sincero.