ILLAS DESERTAS. ROI FERNÁNDEZ

Zona "C"
DATOS BÁSICOS

"Soñar con illas é soñar con separarse, con estar separado, más alá dos continentes, soñar con estar só e perdido; ou ben é soñar que se retorna ao principio, que se volve empezar, que se recrea” (Deleuze)

“Prefiro chegar cegamente ao futuro. Non quero levar os trastos nesta viaxe a cegas. Non elixín facelo. A xeración que me precedeu, que me meteu nesta viaxe, no produciu mapas ou compases fiables. Somérxome nas profundidades do descoñecido” (Jonas Mekas)

 

Illas Desertas / Desert Islands é un proxecto que visibiliza outras formas de facer e interpretar. Amosa camiñantes: homes e mulleres que decidiron habitar as marxes, fóra dos parámetros establecidos pola sociedade. Peregrinos que adoptaron o Camiño, e a deriva, como o seu xeito de vida, sen finalidade nin obxectivo produtivo aparente. Seres en movemento continuo. en presente continuo. Un proxecto con carácter transmedia que crea unha narrativa utilizando diferentes canles e ferramentas e onde Roi Fernández mestura a tecnoloxía interactiva audiovisual e o videomapping con técnicas artísticas clásicas como o debuxo a grafito e o carbón. O proxecto previo de investigación do artista lévao a entrevistarse cos camiñantes. Este material convértese nunha curta documental de cada entrevistado e nun retrato en grafito e carbón sobre papel. Cada debuxo inclúe un código QR que ao ser escaneado liga co documental.

A instalación no espazo expositivo procura a experiencia sensorial da/do visitatante ao colocar recipientes con líquido e altofalantes que emiten frecuencias sonoras sobre este medio acuoso; frecuencias xeradas a partir dos datos flutuantes obtidos das posicións de icebergs –esas illas de xeo á deriva– que fan vibrar o líquido para visualizarse en diversos patróns xeométricos, nun fenómeno coñecido como cimática. Unha cámara recolle, a tempo real, estes patróns xeométricos e alimenta o videomapping interactivo que se proxecta sobre os debuxos, baseado nunha malla 3D do retrato.

Illas Desertas / Desert Islands enmárcase tanxencialmente dentro do proxecto fílmico URSÚAS que mestura documental e ficción para falar da deriva. As entrevistas foron gravadas nun campamento de camiñantes preto de Santiago, nun tramo do Camiño portugués, nos arredores de Tui e en varios puntos da Lama, e son fondo documental do retrato de Illas Desertas.

Roi Fernández (A Coruña, 1979)

A formación de Roi Fernández discorre nas formas transmedia de narración audiovisual, escénica, gráfica e de acción desde 2001. Licenciado en Belas Artes, posúe un mestrado en Dirección Cinematográfica pola City College of New York cunha bolsa Barrié de la Maza, e outro de Sistemas Interactivos pola MECAD/ESDI de Barcelona, e interpretación en ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) e como artista bolseiro na KHM de Colonia (Alemaña).

Expoñente da videocreación e arte de acción en Galicia, do cinema, a performance, o live cinema, os motion graphics, o videomapping, a animación e as formas polipoéticas. Como director audiovisual e creador multimedia dirixe pezas multipremiadas como a curtametraxe Calquera infinito posible, protagonizada por Celso Bugallo, e premiada no festival de Cans (GZ), CityVisions (NY) e Tessalonika (Grecia); o documental transcénico Balor, ou o proxecto de vídeo inmersivo Zugunruhe. Foi alumno titorizado de prestixiosos artistas como Chantal Akerman (CCNY), e ten colaborado con artistas internacionais como Huan Zhang ou Alberto García-Alix. Tamén colaborou como debuxante con axencias de publicidade, como a prestixiosa Berlín Cameron de New York.

Na arte de acción presentou performances no CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), Festival Chámalle X, Fundación Luís Seoane, Fundación Granell, ou Museo MARCO de Vigo, entre outros.

É o responsable de creación multimedia e audiovisual para a súa compañía escénica ArtesaCía, creando videomappings e contidos de vídeo interactivo 360º.

Ademais crea escenografías multimedia e videocreación para o Centro Dramático Galego, Teatro Meridional, Premios da Cultura Galega (Xunta de Galicia) etc. En 2003 cofunda o colectivo artístico Alg-a.org, do que foi presidente e impulsor do proxecto Alg-a Lab (centro de creación e residencia artística); en 2013 funda e codirixe Extramuros (espazoextramuros.org), un espazo de colisións artísticas multidisciplinares. É a sede de ArtesaCía e o estudo multimedia SrPause Cinescapismo.

A súa obra foi presentada e premiada en España, Alemaña (KHM) , Reino Unido (Kingston Gallery), Italia, China (Expo Mundial 2010), Estados Unidos de América, Colombia (Festival Iberoamericano Sistemas interactivos de Manizales), Arxentina...

srpause.com

ursuasfilm.com

 

 

Entradas: 

HORARIO

De 16.00 a 20.00 h

Luns pechado

_______

Entrada gratuíta

 

 

Funcións: 
Mércores, 26 Xuño, 2019 a Domingo, 18 Agosto, 2019
16:00 a 20:00
Zona "C"