FILM GRANELL

DATOS BÁSICOS

CURTOCIRCUÍTO 2022

FILM GRANELL: A NOVA RESTAURACIÓN DA OBRA CINEMATOGRÁFICA DE EUGENIO GRANELL

Destacado principalmente pola súa obra pictórica, Eugenio Granell foi tamén escultor, poeta, ensaísta, fotógrafo, músico, profesor e cineasta. Entre os anos 1960 e 1980, realizou unha serie de pezas cinematográficas de afeccionados, das cales sete forman un conxunto de películas de arte, segundo palabras empregadas po Alberte Pagán durante a súa revelación pública en 2003. Creadas durante o seu exilio en Nova Iorque, o grupo está composto por breves películas de “cine-poesía” (Trompos, Middlebury, Película feita en casa con bóla e boneca, Casa) e outras de tipo “cine sen cámara” (Inverno e Debuxo, pintadas a mano sobre o soporte, e Chuvia, riscando directamente a emulsión). Estas películas pequenas e fráxiles, consideradas hoxe coma unha parte constitutiva e pioneira do cine experimental español e galego, foron salvagardadas grazas aos traballos de preservación realizados en 2021, no marco dunha acción de investigación impulsada pola Elías Querejeta Zine Eskola coa colaboración da Fundación Eugenio Granell e Filmoteca de Galicia.

Charla-coloquio coa participación de:

  • Carolina Cappa (archivista audiovisual especializada en restauración e profesora na Elias Querejeta Zine Eskola)
  • Alberte Pagán (cineasta)
  • Julia Cortegana de la Fuente, Amaia Badiola, Borja Rodríguez (estudiantes de Elias Querejeta Zine Eskola)
  • Modera: Pela del Álamo, director de Curtocircuíto.

Créditos da restauración dixital:

  • Realizada en 2021-2022 pola Elías Querejeta Zine Eskola en colaboración coa Filmoteca de Galicia e a Fundación Eugenio Granell.
  • Coordinación: Carolina Cappa
  • Investigación: Borja Rodríguez Gimeno (estudante EQZE 2019-20)
  • Dixitalización e restauración dixital: Amaia Badiola, Julia Cortegana de la Fuente, Pablo Adiego (estudantes EQZE 2020-21)
  • Calibración e entregas: Pablo Cayuela (NUMAX)

Eugenio Granell

Eugenio Fernández Granell nace na Coruña en 1912. A súa infancia desenvólvese en Santiago de Compostela, onde estuda bacharelato e comeza os seus estudos musicais.

En 1939 inicia o seu exilio cara República Dominicana. Vaise integrando no ambiente cultural dominicano asociándose ao grupo literario de vangarda a través da Poesía Sorprendida, revista que crea xunto a Alberto Baeza Flores, na que participan entre outros, Juan Ramón Jiménez, Jorge Guillén e Pedro Salinas, e varios intelectuais e poetas da illa. 

A súa primeira exposición colectiva terá lugar en 1943 na Galería Nacional de Belas Artes. A esta seguiralle unha segunda no Ateneo Dominicano e unha individual na que presenta preto de duascentas obras na Galería Nacional de Belas Artes de Santo Domingo.

Ao ano seguinte trasládase a Nova Iorque ingresando máis adiante coma catedrático de literatura española no Brooklyn College desta universidade. Tras estudar Socioloxía na New School for Social Research publica en 1967 a súa tese doutoral Sociological Perspectives of Guernica. Séguenlle estas outras publicacións: O Cravo, O que sucedeu... (premio de novela Don Quijote en México), Federica non era parva e Outros contos, A lenda de Lorca, e outros escritos. 

A partir de 1985 instálase definitivamente en España. Recibe numerosos premios coma: Artes Plásticas da Comunidade de Madrid, Pablo Iglesias das Artes, Medalla Unión Fenosa, Medalla de Ouro de Belas Artes outorgada polo consello de ministros, Gerión ‘99 concedido pola revista El Punto de las Artes ou a Medalla de Ouro do Círculo de Belas Artes.

En 1995 establécese en Santiago de Compostela a Fundación Eugenio Granell, que alberga unha colección de obras do propio artista, as súas coleccións surrealista e étnica e, a partir de 1997, as obras doadas polo artista surrealista Philip West. 

Desde os seus inicios, a Fundación levou a cabo unha intensa actividade dando a coñecer as diferentes facetas artísticas de Granell. Múltiples exposicións mostraron as facetas máis coñecidas, mais tamén as máis descoñecidas deste polifacético artista. Con Granell e o teatro estreouse a súa obra A cámara negra representada polo grupo de teatro afeccionado Minerva. Tamén tivemos ocasión de comprobar o seu interese polo cine coa exposición Imaxes do soño en liberdade - O cine de Eugenio Granell, mostra que presenta as súas películas experimentais e surrealistas realizadas nos anos sesenta en Nova Iorque.

Eugenio Fernández Granell faleceu en Madrid en outubro de 2001. A Xunta de Galicia concedeulle a título póstumo a Medalla de Ouro de Galicia 2001 pola súa traxectoria no mundo das artes.

Entradas: 

De balde previa retirada de entradas en:

  • compostelacultura.gal
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • Despacho de billetes do Teatro Principal. Os días de festival, desde 1 h antes do comezo da primeira sesión ata o comezo da última sesión. Tel.: 981 542 349

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

Funcións: 
Domingo, 2 Outubro, 2022
19:00
Teatro Principal