O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela a través de Compostela Cultura, co apoio da Deputación da Coruña e o ICAA, celebra a súa vixésimo segunda edición cunha renovación de modelo e un adianto de datas. O evento celebrarase entre o 1 e o 6 de xullo e volve ás rúas, coa proposta de xerar espazos de intercambio entre a cidadanía e os artistas nos que compartan e reflexionen sobre o seu traballo.
O festival recupera así a súa identidade orixinal e, aproveitando os recursos que ofrece a cidade de Compostela e a súa singularidade patrimonial, pretende devolver á cidadanía unha proposta curatorial que non priorice a novidade e a competición senón o intercambio entre a comunidade creadora e a veciñanza. Curtocircuíto quere seguir sendo un punto de encontro cultural que sexa xanela para o intercambio de coñecemento e experiencias locais e internacionais, á vez que se converte tamén nun atractivo lúdico para a época estival.
O festival manterá unha programación internacional e interdisciplinar que seguirá tendo o cinema como eixo principal. Ademais de manter as seccións competitivas Planeta GZ, Supernova e Cosmos, o encontro e convivencia entre artistas, cineastas e público serán o punto de partida para xerar lugares de debate, reflexión e coexistencia co público fóra das estruturas competitivas.
O novo modelo de festival combinará a súa programación nas sedes habituais coa presenza no espazo público de Compostela. As prazas e as rúas da cidade servirán como anfiteatros naturais nunha aposta por devolver o espazo público á cidadanía e ofrecer alternativas á imaxe máis turística da capital galega.
Durante as seis xornadas do festival, Santiago de Compostela acollerá unha programación plural e internacional con nomes como Lucile Hadžihalilović, Oliver Laxe, Kangding Ray, Martin Messier, Adrián Canoura, Lois Patiño, Lawrence Lek, Miranda Pennel, Billy Roisz, Total Refusal ou Nebojša Slijepčević entre outros. Curtocircuíto manterá as súas seccións competitivas Planeta GZ, Supernova e Cosmos, xunto a un cartel de espectáculos AVs con nomes relevantes da escena contemporánea como Martín Messier (Canadá), Amelie Duchow (Alemaña), Neutro Gris e nodoaviom (Valencia) e Carme López e Irene Sáenz (Galicia). A gala de clausura, que terá lugar o domingo 6, será conducida por Nuno Pico (Grande Amore, Oh Ayatollah).
Completan a programación unha serie de sesións especiais. Oliver Laxe e Kangding Ray realizarán un encontro co público no Teatro Principal na que falarán sobre o proceso sonoro de Sirāt, previo ao live av que terá lugar o venres 4 na praza da Quintana.
Tamén haberá unha sesión especial coa cineasta Lucile Hadžihalilović, a quen o festival dedica este ano o Premio Especial Atlas, que xunto coa xornalista Elsa Fernández-Santos, compartirá co público un encontro sobre a súa obra e os procesos creativos dunha cineasta que rexeita o obvio para mergullarse no sensorial, na beleza escura e na suxestión.
Continúan as sesións especiais o director Lois Patiño, a actriz Irene Escolar e a productora Beli Martínez, que manterán un encontro con prensa e público. Xuntos compartirán o proceso creativo de Ariel, o filme inaugural de Curtocircuíto, que transita entre o metacine, o sensorial e o máxico. A actividade terá lugar no hotel Costa Vella o mércores 2 ás 12h.
>>> ACCEDE A TODAS AS SESIÓNS DE CURTOCIRCUÍTO
Información sobre entradas:
Teatro Principal (e NUMAX):
- Proxeccións de Cinema: 4 €
- Live AV: 7 €
- Sesións Especiais: gratuítas previa recollida de convites (Na web, na Zona C ou no Teatro Principal)
Nas prazas:
- Proxeccións de Cinema: entrada libre e gratuíta.
- Live AV: entrada libre e gratuíta.
- Sesións Especiais: entrada libre e gratuíta.
Venda de entradas e retirada de convites
En liña: Recoméndase a adquisición en liña de todas as entradas do festival a través da plataforma compostelacultura.gal
Zona C - Punto de Información Cultural (Praza de Cervantes): Entradas para todas as proxeccións e eventos do festival, sexa cal sexa o seu emprazamento. Horarios: de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h. Teléfono: 981 54 24 62
Teatro Principal: Entradas para todas as proxeccións e eventos do festival, sexa cal for o seu emprazamento. Horarios: durante a celebración do festival (do 1 ao 6 de xullo) desde unha hora antes do inicio da primeira sesión ata o inicio da última sesión de cada día. Teléfono: 981 542 349
Información relevante:
- No caso de mercar o abono en liña será preciso recollelo fisicamente na Zona C.
- O troco do abono por entradas pódese facer tanto na Zona C como no Teatro Principal, nos horarios indicados anteriormente
- As actividades formativas e sesións especiais están fóra dos abonos.
- A clausura é de balde, ata completar aforo, previa retirada de convites nos espazos habituais. Estaran dispoñibles a partir do día 4 de xullo.
- O abono non garante o acceso aos eventos. Sempre será preciso canxear o abono por entradas ou, no caso dos eventos de balde, retirar os convites a través dalgunha das vías indicadas.