CURTOCIRCUÍTO 2025 · TERRA

DATOS BÁSICOS

CURTOCIRCUÍTO 2025

TERRA · ADRIÁN CANOURA
Esta sesión especial propón unha viaxe polo universo de Adrián Canoura, cineasta e artista que leva máis dunha década explorando as posibilidades do cinema como ferramenta máxica, política e sensorial; unha inmersión visceral nas raíces galegas e a vangarda visual.

Adrián Canoura. Do rito á vangarda
Nun percorrido que abarca desde os seus primeiros experimentos audiovisuais con Nistra ata as primeiras imaxes do seu esperado debut en longametraxe, Fomos Ficando Sós, Canoura debuxa unha xeografía emocional e estética propia, feita de rituais, corpos, territorio e tempo.

Canoura non documenta, invoca. As súas imaxes non explican, suxiren; non reconstitúen o pasado, senón que o reviven no presente. Esta sesión é un acto de visión compartida, un diálogo contemporáneo entre o cine e a música, entre o analóxico e o dixital, entre o que fomos e o que —quizais— aínda somos.

Durante 90 minutos, o público poderá afondar na evolución dunha mirada radical que bebe do cinema etnográfico, do vangardismo analóxico, do punk galego e da cultura oral. A sesión inclúe fragmentos e pezas pouco vistas, materiais de arquivo, clips creados para Baiuca que mesturan tradición e electrónica, e tamén adianta elementos do seu novo filme, onde a transformación do mundo pesqueiro e a memoria familiar se funden coa paisaxe como narradora.

Adrián Canoura

Cineasta e videoartista nado en 1991 en Burela, Lugo (Galicia). Inicia a súa formación audiovisual na Fundación TIC (EIS Lugo), especializándose en Realización e Produción Audiovisual. Posteriormente amplía os seus estudos na Escola de Ficción de Voz Audiovisual (A Coruña), cunha especialización en Cámara e Realización. No 2016 trasládase a Madrid para cursar o Máster LAV: Laboratorio de Práctica e Creación Audiovisual Contemporánea.

No 2018, a Academia Galega do Audiovisual recoñéceo como novo talento. Desde entón, desenvolveu unha linguaxe propia que se move entre o cinema, a videocreación e a música, cunha forte carga visual e experimental. 

O seu traballo abarca desde videoclips, filmes, pezas de AV live e deseño visual ata colaboracións con artistas e grupos como Guerrera, Nistra, Baiuca, Sen Senra ou Guitarricadelafuente.

A súa obra explora un amplo espectro de formas e narrativas, combinando documental e ficción, material de arquivo e creación contemporánea. Entre os seus traballos máis destacados figuran videoclips para grupos como Baiuca, Blanco Palamera ou Ronroneo entre outros, así como filmes como Da morte nace a vida (2020), REXISTROS (2019), Caerán Lóstregos do Ceo (2018), Salitre nas veas (2017), O Porco e o seu espírito (2016) ou Nistra Batuko Exploration (2015).

Caerán Lóstregos do Ceo foi seleccionado pola recoñecida crítica e teórica do cinema de vangarda Nicole Brenez como unha das mellores películas do ano, e obtivo diversos premios, entre eles o de Mellor Película de Vangarda e o Premio Camira no festival Filmadrid.

As súas obras foron proxectadas en destacados festivais nacionais e internacionais como Curtas Vila do Conde, Curtocircuito, FIBDA, Fracto (Berlín), Filmadrid, Nouveau Cinéma, (S8) Mostra de Cinema Periférico, FICCI de Cartagena de Indias ou o Festival Play-Doc, entre outros.

O seu proxecto máis recente, Fomos Ficando Sós, propón unha exploración poética do territorio, a identidade e a memoria, combinando cinema ensaio, arquivo e experimentación visual. A película foi recentemente finalizada e atópase en fase de distribución internacional.

Actualmente, compaxina a súa carreira cinematográfica coa dirección audiovisual en directo do proxecto musical Baiuca, con quen percorreu os principais escenarios nacionais e internacionais en cidades como Marrakech, Bogotá, Londres, Quito, Milán ou París.

Duración: 
60 MIN
Acceso: 

Prezo: 4 € 

Á venda en:

  • compostelacultura.gal
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • Despacho de billetes do Teatro Principal. Entradas para todas as proxeccións e eventos do festival, sexa cal for a súa localización. Horarios: durante a celebración do festival (do 1 ao 6 de xullo) desde unha hora antes do inicio da primeira sesión ata o inicio da última sesión de cada día. Teléfono: 981 542 349

Información ABONOS CURTOCIRCUÍTO

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

Info práctica: 
Mércores, 2 Xullo, 2025
19:00
NUMAX