A COR DAS PALABRAS ENCONTRO CON MERITXELL COLELL APARICIO

DATOS BÁSICOS

Ciclo A cor das palabras (encontro)

Podes reservar a túa praza para o encontro indicando nome completo e número de contacto no enderezo electrónico acordaspalabras@santiagodecompostela.gal

Os encontros con cineastas organizado polo Concello de Santiago en colaboración co Cinema NUMAX contarán cunha convidada moi especial, a cineasta catalá Meritxell Colell Aparicio que é a autora de 'Con el viento'. Baixo o título 'A emoción real na ficción. Do persoal ao colectivo', Meritxell Colell compartirá os materiais e o proceso creativo da súa marabillosa opera prima proxectada en festivais como a Berlinale ou Donostia e premiada en Málaga (Zonazine) e o D'A Film Fest de Barcelona (Talents).

Deste xeito detalla a cineasta barcelonesa os contidos do encontro: «Ermanno Olmi dicía: Descubrín que o cinema era a vida ou que podía ser a vida. A algúns cineastas gústanos pensar no cinema como un espazo de busca, de encontro co real. Un espazo que nos vincule coa vida, un espazo tamén onde aprender a vivir. E iso pódese dar cando se xeran espazos para que agrome a emoción real (tanto dentro como fóra da pantalla). Gústame traballar coa emoción como o centro do proceso de creación. Armar un dispositivo para que aconteza. Desde a escrita, pasando pola rodaxe, até a montaxe e o traballo co son. Iso implica traballar desde un lugar moi persoal, non só meu (como directora e guionista) senón de todo o equipo artístico e técnico. No encontro «A cor das palabras» compartirei materiais do proceso de creación de Con el viento para mostrar como se traballa ese intercambio desde o guión: escrita filmada, diarios de personaxes, monólogos e ensaios. E tamén sobre a necesidade de entender a rodaxe como espazo aberto ao cambio, á reescritura, para poder atopar a forma a definitiva do filme e do seu arco emocional na montaxe.»

__

'Con el viento' terá súa estrea no Cinema NUMAX o xoves 29 de novembro, contando con presentación e coloquio de Colell nos pases do venres 30 de novembro, sábado 1 e domingo 2 de decembro.

Sipnose: Mónica (Mónica García) é bailarina en Buenos Aires. Recibe unha chamada da sua irmá Elena (Ana Fernández): seu pai está moi enfermo. O regreso á casa familiar dun pobo de Burgos reabre antigas feridas e permite curar outras. Mónica vive de novo coa súa nai (Concha Canal) despois de anos distanciada, xuntas terán que vender a casa e Elena, que desde Barcelona mantivo os lazos familiares todo este tempo, vese relegada. Mónica refúxiase no que mellor coñece, a danza, para reconciliarse cunha vida e un espazo que deixou atrás. A complicidade de Berta (Elena Martín), a máis nova da familia, axudará a renovar os vínculos entre estas catro mulleres. Meritxell Colell Aparicio (Barcelona, 1983) encabeza canda Carla Simón ou Elena Martín a nova xeración de talentosas cineastas catalás. Formada en Comunicación Audiovisual na Pompeu Fabra, Colell completa estudos na Universidad del Cine de Buenos Aires. Neste período de formación inicia unha fecunda carreira como montadora que combina co seu labor docente en “Cinema en Curs”, un proxecto pedagóxico pioneiro que comparte cos cineastas Jonás Trueba, Mercedes Álvarez ou a propia Carla Simón. En 2015, Meritxell Colell é seleccionada pola Cinéfondation do Festival de Cannes, un espazo para a consolidación de novos talentos no que despuntaron directores da talla de Laszlo Nemes (O fillo de Saúl), Lucrecia Martel (Zama), Sebastián Lelio (Una mujer fantástica) ou Jaime Rosales (La soledad, Petra). Alí toma corpo a súa opera prima, Con el viento, unha delicada disección das relacións humanas e os lazos familiares emprazada nunha maxestosa contorna rural que se resiste a desaparecer. Protagonizada por catro actrices en estado de graza, a bailarina Mónica García, Concha Canal, Elena Martín (Júlia Ist) e Ana Fernández (Goya a Mellor Actriz Revelación por Solas).

 

 

 

 

 

 

 

Duración: 
2 horas aprox.
Acceso: 

Entrada gratuíta ata completar aforo

Cómpre achegarse 15 minutos antes para retirar o convite. Á hora de comezo da actividade as reservas non retiradas serán liberadas e repartidas entre as persoas inscritas na lista de agarda.

 

Info práctica: 
Sábado, 1 Decembro, 2018
11:30
NUMAX