CONCERTO EXTRAORDINARIO FIN DE CURSO EAEM | RFG

DATOS BÁSICOS

A Escola na Cidade

Concertos públicos da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) 2024

Curso Avanzado de Especialización Orquestral

Real Filharmonía de Galicia (RFG)

Sebastián Zinca, director

O Teatro Principal acolle o Concerto Extraordinario Fin de Curso do curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais. No programa interpretaranse obras de Sergio Rodríguez (2000), Jean Francaix (1912-1997), Richard Strauss (1864-1949) e Camille Saint-Säens (1835-1921).

A Real Filharmonía de Galicia créase no ano 1996 en Santiago de Compostela, e ten a súa sede permanente no Auditorio de Galicia, na cidade de Santiago de Compostela. Está formada por cincuenta músicos de 17 nacionalidades diferentes. Baldur Brönnimann é, desde xaneiro de 2023, o seu director titular e artístico; Maximino Zumalave o seu director asociado e Joana Carneiro a principal directora invitada. Coa orquestra colaboran os máis destacados directores, cantantes e instrumentistas de todo o mundo. A RFG está comprometida en achegar a música clásica a todo o territorio galego, aos públicos máis novos e destaca, ademais, o seu compromiso co patrimonio musical galego. Xestionada polo Consorcio de Santiago, a RFG está financiada pola Administración Xeral do Estado, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

Sebastian Zinca é o Director Asistente da Real Filharmonía de Galicia durante o ano 2024, no que traballa en estreita colaboración co Director Titular Baldur Brönnimann. Recentemente, trala súa participación na Academia do Festival de Lucerna no verán de 2023, foi convidado de novo a dirixir un obradoiro e un concerto coa Orquestra da Academia nos veráns de 2024 e 2025. Recibiu tamén a medalla de prata no Terceiro Concurso Internacional de Dirección Antal Doráti en Budapest, e a bolsa Joan W. Harris no Festival de Música de Aspen. Como director asistente traballou con Mark Wigglesworth no Teatro Real de Madrid na produción de Barrie Kosky de O Nariz de Shostakovich, e con Nicholas Collon e a Orquestra Sinfónica da Radio Finlandesa. Especialmente apaixonado pola ópera, Zinca dirixiu producións de Suor Angelica de Puccini, L’Amico Fritz de Mascagni, O Diario de Ana Frank de Frid e Alcina de Haendel, esta última interpretada con instrumentos de época. En 2022 foi un dos catro directores mozos de todo o mundo elixidos para dirixir un acto de A Bohème en concerto coa Orquesta Filarmónica de Gran Canaria, e na Academia Europea de Música de Teplice recibiu o Premio do Presidente polo seu traballo en Così fan tutte.

ALUMNOS SOLISTAS

Sergio Rodríguez, óboe
Natural de Bandeira (Silleda), comeza os seus estudos de óboe na Escola da Banda Recreativa e Cultural de Bandeira á idade de 8 anos con Benxamín Otero, co que completa tamén os seus estudos de Grao Profesional no Conservatorio Profesional de Lalín. Estuda o Grao Superior no Conservatorio Superior da Coruña con Ismael Vaquero, rematando no ano 2023 coas máis altas cualificacións. Tamén asistiu a clases con mestres como Washington Barella, Casey Hill, David Villa ou José Antonio Masmano. Ten colaborado coa Banda Municipal de Santiago de Compostela e coa Orquestra Gaos entre outras moitas agrupacións. Ademais de oboísta, destacan as súas facetas de compositor, director e poeta, tendo no seu haber varios premios e publicacións.

Marta Zlatkovic, frauta
Marta Zlatkovic naceu en Jagodina, Serbia, onde comezou a súa educación musical nunha escola de música local. Rematou a escola primaria co título da mellor alumna da súa xeración e continuou a súa educación musical na escola secundaria de música en Nis, Serbia. No 2018 ingresou na Academia das Artes de Novi Sad, Serbia, onde se graduou en 2022. En 2021 pasou un semestre estudando no Conservatorio Superior de Música de Vigo como parte do programa Erasmus+. Recibiu bolsas pra participar en clases maxistrais en toda Europa, onde tivo a oportunidade de traballar con eminente profesorado como Marina Picinini, Mario Caroli, Carol Wincenc, Carlo Jans, Jean-Claude Gérard, Adriana Ferreira, Lady Jeanne Galway ou Heather Clark.

Víctor Lardiés, clarinete
Natural de Estella-Lizarra (Navarra), completa os seus estudos de Grao Medio con Premio Fin de Grao e obtén o seu diploma de Grao en MUSIKENE con Matrícula de Honra como alumno de José Luis Estellés e Antony Pay. No 2023 finaliza o Máster de Interpretación Musical na Hochschule der Künste Bern (Suíza) como alumno de clarinete e clarinete baixo de Ernesto Molinari. Foi membro de agrupacións orquestrais como JONDE, OJEX, EGO, Neue Philharmonie München, JOSCAN e JOL, entre outras e desde 2018 ata 2021 foi academista xunto á Orquesta Ciudad de Granada. Colabora con agrupacións como Berner Symphonierochester e participa en ciclos e festivais de renome internacional como Acht Brücken 2023 (Colonia), Warschau Autumn 66 (Varsovia), Ensembre Recherche Akademie Woche 2020 (Friburgo), AIMS Festival 2023 (Cataluña) e Palytime Festival 2022 (Berna), entre outros.

David Poghosyán, violín
Nace na Coruña no 1998 e entre 2010 e 2017 cursa a especialidade de violín no Conservatorio Profesional da Coruña. No ano 2018 participa no Festival Internacional "Buchenau Primavera 2018" así como no "Musiktage am Rhein" de Alemaña e no segundo Ciclo "Novos Talentos Musicais" organizado por Compostela Sound. Ao longo dos anos de estudo participa en innumerables clases maxistrais con profesores de renome, tales como Boris Garlitsky, Dmitri Sitkovetsky, Lev Chistyakov, Amauri Coeytaux e outros. Entre o 2019 e o 2023 é estudante da Universidade Estatal de Música e Artes Escénicas (HMDK) de Stuttgart, Alemaña.

Pablo de Miguel, trompa
Natural de Alcorcón (Madrid), comeza os seus estudos no Conservatorio Manuel de Falla da súa localidade natal. Tras iso, realiza o grao superior en interpretación no Conservatorio Superior de Castilla y León da man de José Miguel Asensi e Miguel Ángel Martínez, graduándose coas máis altas cualificacións. Tras unha bolsa Erasmus na Hochschule für Musik Leipzig, finaliza o Máster en Interpretación con José Vicente Castelló na Hochschule für Musik Freiburg. Formou parte de numerosas orquestras novas españolas, entre as que se inclúen a JORCAM, a OJEX e a JONDE, participando no proxecto de intercambio coa Wiener Jeunesse Orchester. Tamén tocou como solista coa Orquesta Barroca do Coscyl e participou no programa de música de cámara "BIP" do Conservatorio Giuseppe Verdi de Milán.

 

Duración: 
70 min.
Acceso: 

Entrada libre até completar capacidade

Info práctica: 
Xoves, 6 Xuño, 2024
20:00
Teatro Principal