COLAPSOLOXÍAS_EXPLORA SOUNDSYSTEM_DUB MONO HIFI E JUAN PARDO XXI

DATOS BÁSICOS

CoLAB

Neste laboratorio en formato obradoiro achegarémonos ao mundo do sound system e á cultura Dub da man do colectivo Dub Mono Hifi, partindo da súa experiencia adquirida no proceso de creación do seu propio sistema e partindo das técnicas de construción, procesado e difusión do son específicas doDub para experimentar coas posibilidades ofrecidas para outras estéticas musicais.

Dub Mono Hifi xorde como proxecto autoxestionado en Santiago de Compostela, no que conflúen diferentes músicos e técnicos de son con experiencia en estilos ben diversos. A paixón polos baixos potentes e a escena underground das soundsystems de UK así como os novos sons do Eurostepper francés levan a este colectivo a emprender a construción do seu propio sistema de son en 2018, co que poder impulsar a escena local. Un equipo con caixas de madeira artesanais, 5 vías e máis de 5000w de potencia.

Dende o 2016 o colectivo vén lanzando música tanto no seu propio selo como en Universal Echo Records, con colaboracións con artistas nacionais e internacionais da escena, así como remixes doutras artistas do país como as Tanxugueiras ou Sés.

Son responsables e promotores de festas como as Underdub nas que os sons envolventes dos seus subgraves propician un espazo de conexión e entendemento baseado no respecto e a cultura.

En Abril de 2019, en colaboración co IES Xelmírez I de Santiago de Compostela o colectivo emprende un dos seus primeiros obradoiros nos que pretende achegar a cultura soundsystem ao público nunha mostra que xira en torno á construción dun equipo de son propio, baseándose esta experiencia na análise dos diferentes planos, explicación de conexións e vías e a práctica de live dub mix en directo.

Do 9 ao 12 de agosto

11 de agosto: INICIACIÓN PRÁCTICA Á ELECTRÓNICA DE GUERRILLA - JUAN PARDO XXI

Juan Pardo XXI é afeccionado a construír os seus propios cacharriños cos que facer ou procesar música. Seguramente leve máis de 100 proxectos feitos e aínda non sabe cal é o cátodo e cal o ánodo nun díodo… o que nos demostra que, habendo gana de fozar, non hai límites (ou tamén que o medo é libre).

O obradoiro está enfocado a xente que teña un estañador e interese na construción de proxectos de síntese primitiva. A aproximación é 100% práctica e dende o punto de vista dunha persoa sen ningún coñecemento de electrónica. O proxecto será unha “serea dub”, un oscilador básico e bo de facer para calquera persoa que estea empezando.

 

Colapsoloxías é unha residencia colectiva que ten como eixo central a sala de exposicións do Auditorio de Galicia. Este espazo convertese en area de traballo conectada con outros espazos da cidade nos que acontecen concertos, performances, residencias de creación, presentacións e roteiros, todo elo xirando arredor do son e da escoita. A medida que avanza o intercambio de experiencias e coñecementos, a sala de exposicións vai mutando nun proceso de acumulación gráfica e sonora de todo o acontecido dentro de Colapsoloxías.

Reserva para visitar a sala de exposicións: Estaremos encantados de que te achegas a participar nas diferentes actividades, revisar a documentación xerada ou a coñecer os diferentes procesos de traballo.

Reserva no mail: info.colapso@gmail.com

 

____

UNIVERSAL LECHO

+ INFORMACIÓN EN: COLAPSO COLECTIVO

Entradas: 
Funcións: 
Luns, 9 Agosto, 2021 a Xoves, 12 Agosto, 2021
Auditorio de Galicia
MULTIMEDIA

Dub Mono HiFi. A Orixe