A sesión inaugural da MICE acolle a presentación de Redeiras de A Guarda, unha peza creada especificamente para o festival a partir da investigación desenvolvida pola artista sonora Acacia Ojea arredor do oficio das redeiras. O proxecto conta coa colaboración da artista visual Arancha Brandón, natural da Guarda, configurando unha proposta híbrida e experimental na que dialogan o rexistro sonoro, a transmisión oral e a construción visual.
Durante décadas, as redeiras formaron parte inseparable da vida dos portos, cos seus corpos e os seus xestos ocupando peiraos e lonxas. Na actualidade, a súa presenza resulta cada vez menos visible, ao tempo que o oficio loita por manterse vivo nun contexto de transformación e perda de relevo social. Trátase dun traballo historicamente feminizado, aprendido coa práctica e coa transmisión oral, imprescindible para a actividade pesqueira e construído a man, sen mediación mecánica posible.
Redeiras de A Guarda constrúese a partir dos sons reais do oficio —o manexo das redes, as conversas, os silencios e o mar—, traducíndoos nunha experiencia sonora e visual concibida para ser vivida en directo polo público.
A peza nace no marco de SONORA · Residencia de escoita, iniciativa da MICE orientada a acompañar procesos de creación e investigación nos que o son opera como materia narrativa, metodolóxica e de rexistro.
A sesión complétase coa presentación do resultado do taller de iniciación ao cinema en 16 mm, desenvolvido no marco do festival. As pezas realizadas durante o curso introducen unha lectura material e procesual do xesto cinematográfico, recuperando o vínculo co soporte fotoquímico e coa creación colectiva.
A inauguración expresa así unha das liñas que atravesan esta edición: a MICE como espazo de creación, investigación e experimentación ligado ao rexistro antropolóxico. Un festival atento ao xermen dos proxectos, aos procesos de construción, á fraxilidade e á dimensión viva das prácticas artísticas.