21 MICE · SESIÓN INAUGURAL

DATOS BÁSICOS

A sesión inaugural da MICE acolle a presentación de Redeiras de A Guarda, unha peza creada especificamente para o festival a partir da investigación desenvolvida pola artista sonora Acacia Ojea arredor do oficio das redeiras. O proxecto conta coa colaboración da artista visual Arancha Brandón, natural da Guarda, configurando unha proposta híbrida e experimental na que dialogan o rexistro sonoro, a transmisión oral e a construción visual.

Durante décadas, as redeiras formaron parte inseparable da vida dos portos, cos seus corpos e os seus xestos ocupando peiraos e lonxas. Na actualidade, a súa presenza resulta cada vez menos visible, ao tempo que o oficio loita por manterse vivo nun contexto de transformación e perda de relevo social. Trátase dun traballo historicamente feminizado, aprendido coa práctica e coa transmisión oral, imprescindible para a actividade pesqueira e construído a man, sen mediación mecánica posible.

Redeiras de A Guarda constrúese a partir dos sons reais do oficio —o manexo das redes, as conversas, os silencios e o mar—, traducíndoos nunha experiencia sonora e visual concibida para ser vivida en directo polo público.

A peza nace no marco de SONORA · Residencia de escoita, iniciativa da MICE orientada a acompañar procesos de creación e investigación nos que o son opera como materia narrativa, metodolóxica e de rexistro.

A sesión complétase coa presentación do resultado do taller de iniciación ao cinema en 16 mm, desenvolvido no marco do festival. As pezas realizadas durante o curso introducen unha lectura material e procesual do xesto cinematográfico, recuperando o vínculo co soporte fotoquímico e coa creación colectiva.

A inauguración expresa así unha das liñas que atravesan esta edición: a MICE como espazo de creación, investigación e experimentación ligado ao rexistro antropolóxico. Un festival atento ao xermen dos proxectos, aos procesos de construción, á fraxilidade e á dimensión viva das prácticas artísticas.

 

Acceso: 

ENTRADAS PARA CADA SEDE:

  • TEATRO PRINCIPAL: con antelación no despacho de billetes da Zona C (Praza de Cervantes. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. tel.: 981 542 462).  Tamén se poden coller na billeteira do Teatro desde 1 hora antes do comezo das proxeccións.  

  • NUMAX: na web ou na billeteira do cinema

  • MUSEO DO POBO GALEGO: na recepción do Museo desde 1 hora antes do comezo da proxección.

Info práctica: 
Martes, 10 Marzo, 2026
20:30
Teatro Principal