Publicada a relación de finalistas

O Auditorio de Galicia publica hoxe en sede electrónica a relación de finalistas da décimo cuarta edición do seu premio para artistas noveis, unha iniciativa da Concellaría de Capital Cultural destinada a apoiar a creación artística emerxente, fomentar o talento galego e difundir a arte contemporánea no ámbito autonómico.

O certame diríxese a artistas menores de 40 anos (até o 31 de decembro de 2025) que naceran ou residan en Galicia e cuxa traxectoria profesional non estea consolidada. Admite participacións individuais e colectivas, sempre e cando todas as persoas integrantes cumpran cos citados requisitos de participación. 

Até o peche de presentación de propostas, candidatáronse 96 traballos dos que o xurado seleccionou 31, desenvolvidos por 32 artistas (xa que unha das propostas é de autoría colectiva). Pablo Agma, Alberto Ardid, Manuel Alejandro Balsas Navarro, Blanca Castro, Lara e Noa Castro Lema, Cristian Cerqueira, Fabián Cidrás Pérez, Matías Daporta, Carlos Fer, Nuria Figueiredo, Alejandro Fuertes, Lúa Gándara, Doa Oa, Alberto Ovejero, Lucía Perdiz, Manuela Pereira Enríquez, Sara Piñeiro, Nicolás Pisada, Denis Protopopov, Mar Ramón Soriano, Sara Ricoy Rajoy, Andrés Rodís, Fran Rodríguez Casal, Ariadna Silva Fernández, Cris Souto, Taro, Dennise Vaccarello, Aldara Vázquez, Verónica Vicente, Lucía Villar e Breogán Xague, son as creadoras e creadores que conforman a nómina de finalistas a esta edición do Premio.

O xurado seleccionará entre as súas obras as distinguidas cos seguintes galardóns: un primeiro premio de 6.000 euros, un segundo de 3.000 euros e un terceiro de 2.000 euros. Nesta décimo cuarta edición, conforman o xurado Susana Cendán Caaveiro, investigadora e docente en Belas Artes da Universidade de Vigo, alén de curadora independente; Rosendo Cid, artista, curador independente e escritor; Susana González, directora do centro de arte e da colección da Fundación María José Jove; e Juan Luis Toboso Galindo, investigador, docente e curador independente; alén de Míriam Louzao, en representación da Concellaría de Capital Cultural e de Chus Busto, responsable da área de exposicións do Auditorio, que actúa por delegación da dirección-xerencia da entidade e que exerce as funcións de secretaría con voz pero sen voto.

Entre os criterios para a valoración das obras teranse en conta a innovación e a contribución da obra á escena actual da arte, a calidade artística das pezas, a claridade na explicación achegada e a coherencia co discurso conceptual enunciado e a viabilidade e adecuación da proposta aos recursos da institución. Todas as obras finalistas formarán parte dunha exposición colectiva que abrirá as súas portas no mes de outubro na sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia e será no seu acto inaugural cando se dea a coñecer o ditame do xurado. 

O Premio Auditorio de Galicia consolídase, edición tras edición, como un referente no impulso da arte nova e un espazo de visibilidade para as xeracións máis novas de artistas galegas e galegos. Con periodicidade bienal, o seu principal obxectivo é contribuír ao enriquecemento do patrimonio cultural galego e impulsar novas voces na escena artística actual.