

De xaneiro a xuño, prográmanse 23 propostas e 33 funcións de teatro e danza que prestan especial atención á escena galega cunha quincena de espectáculos de compañías do país e que se presentarán no Teatro Principal e o Auditorio de Galicia. Súmanse á outra quincena de propostas escénicas, con máis teatro, danza e tamén circo, pensadas especificamente para público familiar e para a primeira infancia que conforman a axenda da Tropa C e que se estenden tamén até o mes de xuño nos mesmos espazos e na Casa das Maquinas.
Tres focos transversais artellan unha tempada que convida o público a repensar o presente, o pasado e a construción da memoria e que resulta do entendemento da cultura como dereito e como espazo compartido, e de concibir as artes vivas como un espello dende o que observarnos e recoñecernos, como un convite a nos atopar no patio de butacas e a debater en colectivo.
Así, o Foco Castelao en escena revisita a obra, o pensamento e o legado deste autor capital para dirixir a ollada ao tecido do relato histórico, á construción da identidade e ao papel esencial do humor (coas súas múltiples variantes) como ferramenta crítica. Dous espectáculos ICTUS, de Chévere, e Os Dous de Sempre, de Producións Teatrais Excéntricas, demostran a vixencia do seu legado no imaxinario colectivo.
Outro foco, Escenas do presente abre un espazo dedicado ás creadoras e creadores que están a redefinir a escena galega e estatal desde novas preocupacións, novas linguaxes e novas formas de mirar o mundo. Son propostas que abordan temas plenamente contemporáneos —identidade, corpo, saúde mental, violencias, incerteza xeracional— con risco, frescura e unha forte pegada autoral, trazando un mapa do que está a medrar agora mesmo no país. Neste foco figuran espectáculos como Nortear, de Columna Balteira; Historia Vaxenial, de Raquel Nogueira e Iván Marcos; Transeúnte, de Daniel Rodríguez, Alicia wants to, de Bengala Teatro Físico ou Contra Ana, de La Contraria.
E finalmente, o Foco NeoTrad, que xa estivera presente na programación de 2024, continúa a reivindicar a cultura tradicional e a súa hibridación coa danza contemporánea en traballos como Benquerer, de Fran Sieira en colaboración con Caamaño&Ameixeiras; a xa mencionada Transeúnte, de Daniel Rodríguez; Alén, do Colectivo Glovo, e Vicenta Lorca de Óscar Cobos.