

O Auditorio de Galicia programa a última visita comentada á mostra este martes 9 de xullo ás 19.00 horas, de balde e sen necesidade de inscrición previa.
O historiador Xosé Antón Serén conducirá un percorrido polas máis de 130 fotografías de Colita que, fiadas cos textos de Maria Aurèlia Capmany revisitan, desde unha ollada crítica, a experiencia das mulleres na sociedade española da Transición
Antifémina. Colita, unha mostra producida por La Fábrica e Círculo de Bellas Artes e enmarcada na programación de Artes Visuais que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura co apoio do Consorcio da Cidade, permanecerá na Sala de Exposicións Isaac Díaz Pardo do Auditorio ata o 1 de agosto
A exposición Antifémina. Colita entra na súa recta final no Auditorio de Galicia. Antes da súa clausura o vindeiro 1 de agosto, o centro ofrecerá unha última visita guiada, que arrancará na Sala Isaac Díaz Pardo o vindeiro xoves 9 de xullo, ás 19.00 horas, e que permitirá descubrir en profundidade unha das propostas expositivas máis destacadas da tempada de artes visuais.
A exposición recupera para o formato expositivo o histórico libro publicado en 1977 pola fotógrafa catalá Isabel Steva «Colita» e a escritora Maria Aurèlia Capmany, considerado co paso do tempo o primeiro libro gráfico abertamente feminista da Transición. Retirado do mercado pouco despois da súa publicación, converteuse nunha obra de referencia pola súa mirada crítica sobre os estereotipos da feminidade durante o tardofranquismo.
A mostra reúne máis de 130 fotografías organizadas en dez seccións que propoñen un percorrido pola representación das mulleres na sociedade española da época, abordando cuestións como o traballo, a relixión, a maternidade, a prostitución, a vellez, a cousificación ou a marxinación. A través da fotografía de Colita e dos textos de Capmany, Antifémina constrúe un discurso que continúa plenamente vixente e invita á reflexión sobre a igualdade e os dereitos das mulleres.
A visita, guiada polo historiador Xosé Antón Serén, permitirá contextualizar a exposición, coñecer a historia do libro e descubrir as claves dunha obra que, cincuenta anos despois da súa creación, continúa interpelando o presente. Cunha duración aproximada de 45 minutos, será a última oportunidade de realizar un percorrido comentado antes da clausura da mostra. A actividade será de balde e sen necesidade de inscrición previa. As persoas interesadas só deberán presentarse uns minutos antes do inicio da visita na recepción do Auditorio de Galicia.
Antifémina. Colita é unha exposición producida por La Fábrica e Círculo de Bellas Artes e comisariada polo director do Archivo Colita Fotografía e amigo persoal da fotógrafa catalá, Francesc Polop. A mostra forma parte da programación de Artes Visuais que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e conta co apoio do Consorcio da Cidade.
Ata o final do período expositivo, a mostra tamén poderá ser visitada de forma libre, con acceso de balde de luns a sábado, en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas (os días con espectáculo no Auditorio o acceso á sala pecha ás 19 horas e o centro estará pechado o sábado 25 de xullo)
[Imaxe de cabeceira Entrando ao mar. Sitges, 1966. © Archivo Colita Fotografía]