Chronovisor, gran triunfadora de Cineuropa 40

A primeira longametraxe conxunta dos cineastas estadounidenses obtén o premio a Mellor Película do Xurado Oficial e o Premio Especial do Xurado Novo
O palmarés oficial recoñece tamén a dirección de Ah Biao por Bian Jing (Border), o guión de Staatschutz (Prosecution) e as interpretacións de Caique Copque, Chen Emilie Yan e Ítalo Martins
O Xurado Novo distingue ademais Fatherland, de Paweł Pawlikowski, como Mellor Película, e premia a Jane Schoenbrun, Mike Leigh, Hanns Zischler e as xemelgas Ekaterina e Sofia Stanina
 


Chronovisor, a primeira longametraxe conxunta dos cineastas estadounidenses Jack Auen e Kevin Walker, converteuse na gran triunfadora da 40ª edición de Cineuropa ao obter o premio a Mellor Película do Xurado Oficial e o Premio Especial do Xurado Novo. O filme propón unha viaxe polos límites entre a historia, a ciencia e o ocultismo a través da investigación dunha académica francesa sobre un enigmático dispositivo capaz de reproducir imaxes do pasado. Este dobre recoñecemento sitúa a película como a gran protagonista dunha edición dedicada a mudar a mirada do espectador.

O Xurado Oficial, integrado pola escritora Lucía Solla, o crítico e historiador cinematográfico Ángel Quintana e o director da Cinemateca Suíza, Frédéric Maire, concedeu o premio á Mellor Dirección a Ah Biao por Bian Jing (Border), ambientada nunha explotación mineira do norte da China, preto da fronteira con Mongolia. O premio ao Mellor Guión foi para Claudia Schaefer, Jee-Un Kim e Sun-Ju Choi por Staatschutz (Prosecution), de Faraz Shariat, un filme que aborda a loita contra as redes de extrema dereita e a violencia racista en Alemaña.

No apartado interpretativo, o premio á Mellor Interpretación foi concedido ex aequo a Caique Copque, por A Margem do Rio, e Chen Emilie Yan, por Staatschutz (Prosecution). Ítalo Martins, tamén por A Margem do Rio, recibiu o premio á Mellor Interpretación Secundaria. A película, primeira longametraxe conxunta dos brasileiros Matheus Farias e Enock Carvalho, transcorre nos mangleiros de Recife e aborda os encontros, os desexos e a violencia nunha contorna marcada polo fanatismo relixioso.

Premios do Xurado Novo

O Xurado Novo escolleu Fatherland, de Paweł Pawlikowski, como Mellor Película, destacando a súa posta en escena sobria e precisa para abordar as feridas da guerra e as fracturas dunha familia na Alemaña dividida de 1949. O filme recibiu tamén o premio á Mellor Interpretación Principal para Hanns Zischler, polo seu traballo na representación do escritor Thomas Mann.

O premio á Mellor Dirección foi para Jane Schoenbrun por Teenage Sex and Death at Camp Miasma, pola súa aposta por novas posibilidades da linguaxe cinematográfica, mentres que Mike Leigh recibiu o de Mellor Guión por Tender Loving Care, un retrato humano da vida cotiá das persoas coidadoras. O premio á Mellor Interpretación Secundaria foi para as xemelgas Ekaterina e Sofia Stanina por Nina Roza, recoñecidas ex aequo polo seu traballo conxunto.

O Xurado Novo desta edición estivo integrado por Andrea Villar Veiga, Iago Lorenzo Rivas, Inés Costado Afonso, Jesús Graña Malvido e Martina Lois Cuns.

Unha clausura co Premio Cineuropa a Felipe Lage e a estrea de As augas

A lectura do palmarés tivo lugar durante a gala de clausura de Cineuropa 40, celebrada este sábado no Teatro Principal, coa presenza da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; a deputada de cultura da Deputación da Coruña, Natividade González e o director do festival, José Luis Losa, ademais de integrantes da Corporación municipal e representantes das entidades colaboradoras do certame.

A cerimonia incluíu tamén a entrega do Premio Cineuropa 2026 ao produtor galego Felipe Lage, en recoñecemento á súa traxectoria e á súa contribución ao desenvolvemento e á proxección internacional do Novo Cinema Galego. Desde a creación de Zeitun Films en 2009, participou na produción de títulos fundamentais desta cinematografía, como Todos vós sodes capitáns, Arraianos, Costa da Morte, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, Mimosas ou Lúa vermella.

A programación completouse coa estrea en Galicia de As augas (2026), primeira longametraxe como guionista e directora de Ledicia Sola. Protagonizada por Melania Cruz, Marta Larralde, Toni Salgado, Lidia Veiga e a propia directora, segue a Nora, unha muller que regresa ao manancial da súa infancia tras romper coa súa parella e inicia, coa axuda das súas amigas, un proceso de transformación persoal.