CINEUROPA
CLAUSURA · PREMIO CINEUROPA A FELIPE LAGE · PREMIOS DOS XURADOS
FELIPE LAGE
"... Nun tempo no que o “prime time” premia os discursos banais golsados con odio é cada vez máis doado recoñecer quen son os bos e xenerosos e quen os imbéciles e escuros. A única verdadeira polarización consiste niso, en escoller entre a decencia e a barbarie, e digámolo claro, non é nada difícil. De cando en cando podémonos equivocar, mais as máis das veces os monstros vense vir dende lonxe porque van deixando ao seu paso o regueiro de sangue da motoserra. Porén, a xente digna fai pouco ruído, móvese con discreción e entrégase sen pedir aplausos. A este valoroso clan pertence o produtor Felipe Lage, bo e xeneroso. Fai o que cre e cre no que fai e con esa actitude como guía participou na maiorías das cousas importantes que aconteceron aquí no cinema nos últimos dezasete anos, dende que no 2009 naceu Zeitun Films para apadriñar un milagre chamado Todos vós sodes capitáns. O “novo cinema galego” medrou con el atrás como motor e compás, como práctico que fai que as embarcacións cheguen a bo porto. Do seu peito colgan fabulosas medallas: Arraianos, Costa da Morte, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, Mimosas, A estrela errante, Lúa vermella, mais tamén Tshweesh, Sen ti ou A guerra de Miguel. Ou o que é o mesmo, Oliver Laxe, Eloy Enciso, Lois Patiño, Alberto Gracia, Feyrouz Serhal e Eliane Raheb, máis agora Adrián Canoura e Eloy Domínguez Serén e todas as e todos os cineastas que han de vir..." Martin Pawley
PROXECCIÓN
AS AUGAS (2026)
Ledicia Sola
España / 102 min / Galego
Ficha artística:
Melania Cruz, Marta Larralde, Toni Salgado, Ledicia Sola, Lidia Veiga
Ficha técnica:
Guión: Ledicia Sola
Fotografía: Alberte Branco
Edición: Salwa Azzam
Produción: Daniel Froiz e Alfonso Zarauza
Sinopse:
A vida de Nora dá un xiro inesperado aos 43 anos. Tras romper coa súa parella, regresa ao manancial da súa infancia coa esperanza de que as súas augas a axuden a curar todos os seus males. As súas amigas Antía e Marta non están dispostas a deixala soa e, xuntas, tomarán unha decisión que o cambiará todo: reinventar a súa idea de familia e construír un novo comezo baseado na amizade.
Ledicia Sola é actriz, guionista e directora. A súa traxectoria nace do encontro entre linguaxes, corpos e emocións, cunha voz propia forxada no teatro alternativo, en procesos colectivos e en propostas de carácter persoal. Como actriz de cine, gañou o premio Mestre Mateo pola súa interpretación en Os fenómenos (2014) e foi finalista de novo por Malencolía (2021). Traballou tamén en películas e series de televisión como A esmorga, El patio de mi cárcel, Gran Reserva, Vivir sin permiso, Amar es para siempre, The Mallorca Files e Justicia artificial, así como en Dos días (2026). Mantén o seu vínculo coa creación independente e explora novas formas de expresión. As augas (2026) é a súa primeira longametraxe como guionista e directora.
SECCIÓN PUNTO DE ENCONTRO NA SEMINCI 2026