Cineuropa celebra corenta anos co mellor cinema

 

Do 6 ao 22 de novembro, o festival compostelán ofrecerá máis de 150 películas en dezasete días de programación, cunha selección que reúne os títulos máis destacados da tempada internacional
A programación inclúe o Oso de Ouro de Berlín, o León de Ouro de Venecia e boa parte do palmarés de Cannes, ademais dos novos filmes de Mike Leigh, Nanni Moretti, Ryusuke Hamaguchi e Pawel Pawlikowski
Cineuropa estreará en Galicia os novos traballos de Eloy Domínguez Serén, Eloy Enciso e Sebastián Uría, así como a ópera prima de Ledicia Sola, que clausurará o festival
A película Biografía de Jorge Luis Borges, de Mariano Llinás, e o documental chileno Diario de un infiltrado, con imaxes inéditas dos campos de prisioneiros da ditadura de Pinochet, figuran entre as propostas destacadas desta edición
O produtor Felipe Lage, a actriz Laia Marull e o cineasta Robert Guédiguian recollerán os Premios Cineuropa nesta edición aniversario que recoñecerá tamén co seu máximo galardón a traxectoria do proxeccionista Moisés González


Cineuropa · Festival Internacional de Cinema é un certame organizado polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, co apoio do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña e a colaboración de numerosas institucións e entidades

Cineuropa celebrará do 6 ao 22 de novembro a súa 40ª edición cunha programación de máis de 150 películas que reúne algúns dos títulos máis destacados da tempada, premiados nos principais festivais internacionais, novos traballos de cineastas fundamentais do cinema contemporáneo e unha ampla representación do audiovisual galego, con varias estreas en Galicia. Durante 17 días, o festival compostelán reafirmará a súa vocación de achegar ao público películas que dificilmente atoparían outro espazo de exhibición nas salas galegas, combinando grandes nomes da creación autoral, novas voces do cinema internacional, obras que dialogan co presente e propostas que recuperan a memoria histórica.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, o director da 40ª edición de Cineuropa, José Luis Losa, a deseñadora de Costa.io Patricia Portela, adiantaron este venres en rolda de prensa os aspectos máis destacados da programación e reivindicaron a memoria e a diversidade de ollares do festival. 

De esquerda a dereita, José Luis Losa, Míriam Louzao e Patricia Portela nun momento da rolda (Fotos: Javi G. Sobrado)

A dicir de Míriam Louzao: «Se algo permaneceu ao longo destes 40 anos foi a vontade de descubrir outras historias, outras cinematografías e outras maneiras de mirar o mundo. Aí reside boa parte do valor de Cineuropa: na súa capacidade para achegarnos un cinema diverso, abrir espazos de reflexión e facer da experiencia cinematográfica algo compartido».

José Luis Losa amosouse especialmente satisfeito coa escolma de filmes que conforman a 40ª edición e puxo en valor a selección de filmes do Panorama Audiovisual Galego: «Practicamente todas as longametraxes galegas relevantes que presentamos este ano terán a súa primeira proxección en Galicia, e algunhas mesmo a súa estrea internacional. Ademais, contamos con presenza galega na sección competitiva, tanto cunha produción propia como cunha coprodución». O director de Cineuropa salientou ademais que entre os títulos que se poderán ver no festival «contamos practicamente coa totalidade dos palmarés de Cannes, San Sebastián e Berlín, pero non escollemos as películas polo feito de seren premiadas, senón porque consideramos que son as mellores. Naturalmente, a última palabra téñena os espectadores». 

Á importancia que se concede á ollada do público aludiu tamén Patricia Portela, deseñadora de Costa.io, ao afondar na nova imaxe do festival. Para Portela, «Cineuropa ten unha comunidade moi propia. É un festival que pertence á xente e pertence á cidade. Por iso, desde o principio tivemos claro que a nova identidade tiña que falar das persoas e situalas no centro».

As intervencións coincidiron en destacar o carácter singular dunha edición que combina a celebración da memoria colectiva do festival cunha mirada ao presente e ao futuro do cinema. Un aniversario que Cineuropa conmemorará cunha programación especial, retrospectivas, encontros, actividades paralelas e recoñecementos a figuras que contribuíron á súa historia, sen perder a vocación de descubrimento e apertura a novas cinematografías que o caracteriza desde os seus inicios.

O palmarés dos grandes festivais e os novos filmes de autores fundamentais

As seccións oficiais europea e internacional ofrecerán unha ampla representación do palmarés do pasado Festival de Cannes. Entre os títulos seleccionados atópanse Fjord, de Cristian Mungiu; Minotauro, de Andrey Zvyagintsev; Fatherland, de Pawel Pawlikowski; All of a Sudden, de Ryusuke Hamaguchi; Coward, de Lukas Dhont, e Notre Salut, de Emmanuel Marre. A selección complétase con Moulin, de László Nemes; Nagi Notes, de Koji Fukada, e Teenage Sex and Death at Camp Miasma, de Jane Schoenbrun.

Cineuropa incorporará tamén títulos destacados da Berlinale, como Yellow Letters, gañadora do Oso de Ouro; Everybody Digs Bill Evans, recoñecida co Oso de Prata á mellor dirección, e Rose, pola que Sandra Hüller recibiu o Oso de Prata á interpretación.

O programa inclúe, ademais, películas de cineastas cunha longa relación coa historia do festival. O británico Mike Leigh presentará Tender Loving Care, galardoada coa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián e anunciada como a súa despedida do cinema. Tamén estará presente o italiano Nanni Moretti con Sucederá esta noite presentada na Mostra de Venecia.

A gañadora do León de Ouro veneciano, Woman Unknown, da directora danesa May el-Toukhy, e Josephine, de Beth de Araújo, triunfadora en Sundance, son outras das citas destacadas dunha edición que volverá achegar a Compostela algúns dos títulos máis relevantes do cinema internacional.

A película de inauguración será Nina Roza, da cineasta canadense Geneviève Dulude-De Celles, recoñecida co premio ao mellor guión na Berlinale.

O cinema galego, con estreas absolutas en Galicia

A creación audiovisual galega ocupará un lugar destacado na programación de Cineuropa 40, que ofrecerá as estreas en Galicia de catro longametraxes: Tralovento, de Eloy Domínguez Serén; Todo es cárcel, de Eloy Enciso; Adiós, ríos, de Sebastián Uría, e As augas, a primeira película como directora de Ledicia Sola, que será a encargada de clausurar o festival.

O festival acollerá tamén a estrea mundial de Hoxe e o resto do mundo, de Cecilia Díaz Betz, un documental que se achega ás facetas vitais e artísticas de Isaac Díaz Pardo e Mimina Arias de Castro; e de Conversations with the Dead, de Fernando Cortizo, unha investigación sobre o paranormal. Completa esta presenza Die Gäste (Os invitados), de Cristina Diz e Stefan Butzmühlen, coprodución galego-alemá ambientada en 1973.

A programación galega inclúe ademais Crías, de Xiana do Teixeiro; El milagro, de David Varela; Alén dos silencios, de Carmen PG Granxeiro; Todo pode esperar, de Borja Casal; Ribadafonte, de Alberto Sacido; Prisciliano e a Gallaecia, de Aser Álvarez; Bar Boo, de José Araujo; Lodeiro. O documental, de Alex Penabade e David Hernández; e O sonho da razom, de Alberte Pagán.

Estas estreas amosan a diversidade de propostas e de traxectorias que conviven no audiovisual galego, desde cineastas con percorridos consolidados no cinema de autor ata novas incorporacións á dirección. A súa presenza reafirma a vontade de Cineuropa de ofrecer unha plataforma para descubrir a produción propia e favorecer o encontro entre as películas e o público.

Premios Cineuropa: Felipe Lage, Laia Marull, Robert Guédiguian e Moisés González

A 40ª edición de Cineuropa distinguirá co seu máximo galardón o produtor galego Felipe Lage, figura clave no desenvolvemento do Novo Cinema Galego; a actriz catalá Laia Marull, gañadora de tres premios Goya e cunha traxectoria destacada no cinema, o teatro e a televisión; e o cineasta francés Robert Guédiguian, referente do cinema social europeo e autor dunha filmografía estreitamente vinculada á historia do festival. A estes recoñecementos sumarase un Premio Cineuropa a Moisés González, quen durante 36 anos traballou como técnico do Teatro Principal e foi un dos proxeccionistas do certame. Con esta distinción, que se entregará na gala inaugural, o festival quere render homenaxe a todas as persoas que, desde detrás da pantalla, contribuíron ao longo destas catro décadas a facer posible Cineuropa.

Seccións paralelas: corenta anos de Cineuropa e unha homenaxe a Hitchcock

Entre as seccións paralelas desta edición especial, Cineuropa 40 anos recupera grandes títulos que pasaron polo festival ao longo da súa historia, nun percorrido pola memoria cinematográfica destas catro décadas.

A selección recupera filmes como Orlando, de Sally Potter; Amén., de Costa-Gavras; A vida dos outros, de Florian Henckel von Donnersmarck; Withnail and I, Sid & Nancy ou The reflecting skin. Tamén inclúe filmes de cineastas estreitamente vinculados ao festival, como Ken Loach, Claude Chabrol e François Ozon, e concede un lugar destacado a Peter Greenaway, con catro películas que evocan a súa influencia nos primeiros anos de Cineuropa.

A outra gran retrospectiva da edición estará dedicada ás películas imperecedoiras de Alfred Hitchcock e ás súas actrices. Baixo o título As inmortais de Hitchcock,a sección rende homenaxe a seis intérpretes vinculadas ao universo do cineasta —Eva Marie Saint, Vera Miles, Tippi Hedren, Kim Novak, Shirley MacLaine e Julie Andrews—. 

Xurado Internacional

O xurado internacional estará formado por Àngel Quintana, catedrático de Historia e Teoría do Cinema na Universidade de Girona e crítico cinematográfico; Frédéric Maire, cineasta e xornalista, exdirector da Cinemateca Suíza; e Lucía Solla Sobral, escritora galega autora de Comerás flores, recoñecida cos premios Ojo Crítico de Narrativa e Cálamo ao Libro do Ano en 2025.

Sedes do festival e información práctica

O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos estarán á venda a partir do próximo mércores 4 de novembro  no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.

 

MÁIS INFORMACIÓN