Cineuropa volve do 6 ao 22 de novembro

 

  • O festival celebra en 2026 a súa 40ª edición e comeza a quecer motores coa apertura da convocatoria para seleccionar o seu Xurado Novo
  • Poderán participar persoas de entre 18 e 25 anos, que teñen ata o 21 de outubro para presentar a súa candidatura

A conta atrás para Cineuropa 40 xa está en marcha. O festival, que este ano celebra catro décadas de historia, prepara unha nova edición na que Compostela volverá converterse nun punto de encontro para as persoas amantes do cinema. Como primeiro paso cara a esta cita, a organización abre o proceso de selección do seu Xurado Novo, unha iniciativa que busca fomentar a participación da mocidade na vida cultural da cidade, achegala ao cinema de autor e ofrecerlle a oportunidade de formar parte activa dun dos festivais cinematográficos de referencia de Galicia.

Poderán presentar a súa candidatura persoas de entre 18 e 25 anos con interese polo cinema e dispoñibilidade para asistir ás proxeccións dos filmes que serán sometidos á súa avaliación durante o festival, arredor dunha vintena de títulos. Non poderán participar nesta convocatoria aquelas persoas que xa formasen parte dalgún dos Xurados Novos de Compostela Cultura.

As persoas integrantes do Xurado Novo serán as encargadas de elaborar un palmarés propio. Os seus galardóns terán carácter honorífico e daranse a coñecer durante a gala de clausura de Cineuropa 40.

Para participar no proceso de selección será preciso cubrir o formulario de inscrición dispoñible en liña. O prazo de presentación de candidaturas rematará o 21 de outubro. As bases completas da convocatoria e o acceso ao formulario poderán consultarse tamén na páxina web de Compostela Cultura.

MÁIS INFORMACIÓN

Cineuropa 40 · Xurado Novo

Inscricións ata o 21 de outubro nesta ligazón