CONTEMPORÁNEAS presenta unha nova tempada dedicada á creación musical dos séculos XX e XXI, concibida como un espazo de encontro entre diferentes xeracións, estéticas e procedencias. De setembro de 2026 a xuño de 2027, o ciclo propón achegarse á música do noso tempo desde a curiosidade e o descubrimento, prestando unha atención especial á creación galega, á obra de compositoras, ás estreas e á celebración de figuras fundamentais da música contemporánea.
Ao longo de 15 citas, diferentes espazos de Santiago acollerán unha programación que reúne intérpretes e formacións galegas, estatais e internacionais e que entende o concerto como punto de partida para establecer novos diálogos. Música, palabra, poesía, artes visuais, electrónica, vídeo ou teatro lírico conflúen nun programa que aborda tamén cuestións do presente como a memoria, a identidade, as migracións, a igualdade ou as novas formas de comunicación. A nova creación terá un protagonismo destacado, con numerosas estreas absolutas e estreas en España, encargos e unha importante presenza de compositoras e compositores galegos.
Un dos grandes proxectos da tempada será a estadía en Santiago da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE). O seu quinto encontro anual de 2026 reunirá na cidade 52 músicos de entre 19 e 26 anos, que traballarán xunto a integrantes de dúas formacións de referencia internacional na música contemporánea, Klangforum Wien e Ensemble Modern. O proceso culminará con cinco concertos entre o 20 e o 24 de outubro no Auditorio de Galicia, a Casa das Máquinas e o Teatro Principal, cunha programación centrada na creación de compositoras dos séculos XX e XXI e que incluirá novas obras de Carme Rodríguez, Helena Cánovas e Nuria Núñez Hierro.
CONTEMPORÁNEAS reforza tamén a relación entre creación, investigación e transferencia do coñecemento a través da colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Nese marco presentarase La geometría imperfecta del olvido, nova zarzuela de Sergio Camacho vinculada a The Lyrical Seed, proxecto europeo liderado polo Instituto de Investigación en Humanidades (iHUS) da USC, a través do grupo Organistrum, e desenvolvido por un consorcio hispano-lituano no marco do programa Erasmus+.
A programación reserva igualmente un espazo destacado á creación galega e á participación dos axentes musicais da cidade. A Banda Municipal de Música de Santiago presentará un programa de nova música galega con obras de Magdalena Argibay, Luis Serrapio e León Durán, mentres formacións como Vertixe Sonora, Dúo Seiva ou Trío Preseli contribuirán a conectar a creación feita en Galicia con outras escenas e linguaxes contemporáneas.
O ciclo permitirá tamén volver sobre algunhas figuras fundamentais da música recente, como Morton Feldman, no centenario do seu nacemento, e rematará cunha proposta que sintetiza o espírito da programación: unha interpretación participativa de In C, de Terry Riley, a cargo de Ensemble Música Práctica coa colaboración do alumnado da Escola Municipal de Música. Unha obra baseada na escoita, a cooperación e a creación compartida para pechar unha tempada que invita a escoitar o presente, descubrir novas linguaxes e compartir outras maneiras de vivir a música.
CONTEMPORÁNEAS 2026/2027 · PROGRAMACIÓN
28 de setembro · 20.00 h · Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Arxis Ensemble / Margarita Rodríguez
Concerto extraordinario de presentación do Premio Internacional Andrés Gaos de Composición Musical da Deputación da Coruña. Obras de Jacobo Gaspar, Morton Feldman, Rebecca Saunders e Aitor Vázquez. Inclúe a obra gañadora do XVI Premio Andrés Gaos, Sonora – unha fisura da poesía de Chus Pato.
20 de outubro · 20.00 h · Sala Ángel Brage, Auditorio de Galicia
JONDE e Klangforum Wien / Júlia Cruz
Obras de Tania León, Elena Mendoza e Olga Neuwirth. Tres estreas en España.
21 de outubro · 20.00 h · Casa das Máquinas
JONDE e Ensemble Modern
Obras de Kaija Saariaho, Carme Rodríguez, Younghi Pagh-Paan, Cathy Milliken, Hilda Paredes e Hannah Kendall. Estrea absoluta de Unha estrela danzante, de Carme Rodríguez, encargo da JONDE, e estrea en España de U-mul, de Younghi Pagh-Paan.
22 de outubro · 20.00 h · Casa das Máquinas
JONDE e Ensemble Modern
Obras de Amy Williams, Jennifer Walshe, Seyko Itoh, Malika Kishino e Ruth Crawford Seeger.
23 de outubro · 20.00 h · Casa das Máquinas
JONDE e Ensemble Modern
Obras de Rebecca Saunders, Sofia Gubaidulina, Nina Šenk, Chaya Czernowin e Ursula Mamlok.
24 de outubro · 20.00 h · Teatro Principal
JONDE e Klangforum Wien / Isabel Rubio
Obras de Helena Cánovas, Nuria Núñez Hierro e Unsuk Chin. Estreas absolutas de The crossing place of road and river, na nova versión realizada para a JONDE, e Metazoa, encargo da JONDE.
25 de novembro · 20.00 h · Sala Ángel Brage, Auditorio de Galicia
La geometría imperfecta del olvido
Estrea absoluta da nova zarzuela en tres cadros de Sergio Camacho. Con Esperanza Mara, Jacobo Rubianes, Pablo Martínez e Christian Borrelli. Dirección musical e escénica de Sergio Camacho.
15 de decembro · 20.00 h · Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Elisa Vázquez Doval · Morton Feldman at 100
Charla-concerto con motivo do centenario do nacemento de Morton Feldman, cun percorrido pola súa obra para piano.
2 de febreiro · 20.00 h · Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela / David Fiuza
Obras de Magdalena Argibay, Luis Serrapio e León Durán. Estreas absolutas de Tomeza, de Argibay, e Un rapaz da aldea, de Durán, esta última en diálogo coa obra de Xosé Neira Vilas.
16 de febreiro · 20.00 h · Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Adhara Dúo · Fíos sonoros
Obras de Grazyna Bacewicz, Lera Auerbach, Reena Esmail e Kelly-Marie Murphy. Inclúe dúas estreas en España.
9 de marzo · 20.00 h · Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Frames Percussion
Obras de Sarah Hennies, Raquel García-Tomás e Itziar Viloria. Estrea en España de Lives (2) e estrea absoluta de Inventario de gustos, memorias y nostalgias, encargo de Frames Percussion.
31 de marzo · 20.00 h · Casa das Máquinas
Melos New Vocal Music Collective / Ensemble New Babylon / Vertixe Sonora · Echo
Obras de Alexander F. Hooper, Ramón Souto e Rūta Vitkauskaitė, as tres en estrea en España.
20 de abril · 20.00 h · Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Dúo Seiva · Hidránxea
Obras de Carme Rodríguez, Gloria Rodríguez Gil, Katrina Penman e María Mendoza Fernández. Catro estreas absolutas.
11 de maio · 20.00 h · Sala Mozart, Auditorio de Galicia
Trío Preseli · Espellos atlánticos
Obras de Anthony Randall, Montserrat Lladó, Josep Guix, Gina Gillie, Gabriel Ordás e Claire Victoria Roberts. Inclúe estrea en España e nova creación de encargo.
6 de xuño · 20.00 h · Sala Ángel Brage, Auditorio de Galicia
Ensemble Música Práctica / Escola Municipal de Música · In C
Concerto participativo arredor de In C (1964), de Terry Riley, coa participación do alumnado da Escola Municipal de Música.