ARTE A ESCENA

DATOS BÁSICOS

EXPERIMENTADANZA E COLECTIVO DIVERSOS

Arte a escena é un proxecto de transformación social a través das artes que reúne sobre o escenario persoas con e sen diversidade nunha creación interdisciplinar na que conflúen danza, teatro, música en directo e linguaxes audiovisuais. A proposta, impulsada por Carlota Pérez xunto á compositora e cantante Su Garrido e coa colaboración de integrantes da Nova Banda Rural, conta con 15 intérpretes en escena.

O espectáculo é o resultado dun proceso de investigación e creación iniciado en marzo de 2026 arredor das vangardas artísticas dos séculos XIX e XX. O corpo, a música e a imaxe convértense nas ferramentas para percorrer movementos como o cubismo, o futurismo, a Bauhaus, o impresionismo ou o surrealismo, e achegarse ao universo de artistas como Paul Klee, Picasso, Kandinsky, Van Gogh ou Chagall.

Concibida como unha proposta didáctica e para todos os públicos, Arte a escena constrúe unha viaxe polo imaxinario dunha época que transformou radicalmente a maneira de entender a arte e a realidade. Textos como as Cartas a Theo de Van Gogh, escritos de Mies van der Rohe, manifestos futuristas ou fragmentos de Punto e liña sobre o plano de Kandinsky dialogan coa danza, a música e unha escenografía de cores, liñas, materiais e proxeccións audiovisuais. A música ocupa un lugar central na peza, coa participación en directo de Su Garrido e A Nova Banda Rural, en diálogo coa creación coreográfica. A dirección e creación corre a cargo de Carlota Pérez, que comparte a coreografía con Julio César Iglesias, mentres que Javier Collado asina a dramaturxia. A proposta está desenvolvida por ExperimentaDanza e Colectivo Diversos, asociación que traballa para facer visible o talento creativo das persoas con capacidades diferentes e favorecer a presenza da diversidade nos circuítos culturais.

Acceso: 

Acceso libre ata completar capacidade

Info práctica: 
Martes, 15 Setembro, 2026
20:30
Teatro Principal