Compostela garda nas súas rúas, prazas e edificios un legado histórico e artístico co que poucas cidades no mundo poden competir. Porén, unha parte desta herdanza permanece habitualmente fóra dos circuítos de visita e resulta descoñecida mesmo para boa parte da cidadanía.
A Semana do Patrimonio Invisible é o ciclo impulsado polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura que abre as portas destes tesouros e ofrece visitas guiadas en grupos reducidos para descubrir espazos habitualmente fechados ou de acceso restrinxido. A calidade do discurso narrativo e a máxima protección dos bens culturais son as premisas que rexen unha iniciativa que chega en 2026 á súa oitava edición e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Do 7 ao 11 de setembro, o programa permitirá descubrir dez espazos singulares: o Convento do Carme, o Pazo de Bendaña-Fundación Granell, As Orfas, o Pazo Arcebispal, o Pazo de Raxoi, a Casa da Parra, o Auditorio de Galicia, o Museo do Pobo Galego, as escavacións da Catedral e os Mananciais de Compostela, aos que se sumará a xa tradicional visita secreta coa que se pechará a programación.
A selección permite percorrer épocas, arquitecturas e relatos moi diferentes da historia compostelá: desde as orixes da cidade apostólica que permanecen baixo o chan da Catedral ata os antigos sistemas de abastecemento de auga da cidade medieval; desde grandes exemplos do barroco e do neoclasicismo ata a arquitectura contemporánea do Auditorio de Galicia.
Entre as novidades deste ano, a Semana do Patrimonio Invisible incorpora cinco novos espazos ao seu particular mapa da Compostela menos coñecida: o Convento do Carme, As Orfas, o Pazo de Bendaña-Fundación Granell, o Museo do Pobo Galego e o lugar elixido para a tradicional visita secreta, cuxa identidade non se desvelará ata o momento do encontro.
Estas incorporacións amplían as posibilidades de descubrir lugares, arquitecturas e historias habitualmente fóra dos circuítos de visita. Xunto a elas, regresan outros espazos que xa formaron parte de edicións anteriores, como o Pazo Arcebispal, o Pazo de Raxoi, a Casa da Parra, o Auditorio de Galicia, as escavacións da Catedral e os Mananciais de Compostela.
Todas as visitas son de balde e requiren inscrición previa. O formulario para solicitar praza estará dispoñible a partir do venres 4 de setembro, ás 12.00 horas, en patrimonioinvisible.gal e compostelacultura.gal.
Para facilitar o acceso ao maior número posible de persoas, cada solicitante poderá reservar un máximo dunha visita para dúas persoas. As prazas de cada quenda son limitadas e a reserva deberá ser confirmada posteriormente pola organización mediante correo electrónico.
>>> RESERVA A TÚA PRAZA!