Plataforma. Festival de artes performativas celebra do 2 ao 6 de setembro a súa sétima edición, consolidado como unha das citas de referencia da programación cultural de Santiago de Compostela. Nacido en 2020 co propósito de enriquecer e poñer en valor a potencia cultural da cidade e a súa diversidade, o festival volve converter Compostela nun escenario vivo no que conflúen performance, danza, teatro, poesía, creación contemporánea e propostas formativas.
Cunha natureza híbrida e atrevida, Plataforma aposta por achegar as artes performativas a todos os públicos e por dar cabida a linguaxes e accións que habitualmente quedan fóra das programacións estables. A cidade convértese así no propio escenario do festival, cunha programación distribuída por equipamentos culturais, rúas, parques e outros espazos singulares de Santiago.
Nesta edición participarán Olga de Soto, Óscar Gómez Mata e Juan Loriente, María Ruido, Leonor Leal, Ismael Ramos, Félix Fernández, Tere Recarens e Shima, Sergio Marey, Luz Arcas / La Phármaco, Álvaro Murillo e Alejandro Vega, iXa, Corpo Liminal e Enésima, ademais de Ana Gesto, responsable do taller de performance que se desenvolverá durante os primeiros días do festival.
O festival está organizado pola cooperativa Performa co apoio do Concello de Santiago de Compostela, Compostela Cultura, Goberno de España e Ministerio de Cultura. Colaboran a Fundación DIDAC, Fundación SGAE, Fundación Eugenio Granell, Universidade de Santiago de Compostela e Museo do Pobo Galego.
A programación comezará o mércores 2 de setembro, ás 18.30 horas, na Sala Agustín Magán, coa conferencia performativa Algo se cruza en las palabras al escavar bajo los pies (2026-2029), de Olga de Soto. Trátase dun proxecto de investigación e creación de longa duración que, partindo da historia da Maternidade de Elna, explora a transmisión interxeracional da memoria en contextos de migración forzosa, entretecendo historia, coreografía e arquivo.
Ese mesmo día, ás 20.30 horas, Óscar Gómez Mata e Juan Loriente levarán ao Observatorio Astronómico Ramón María Aller Makers itinerantes, unha adaptación para espazos non convencionais da peza Makers. Cun enfoque poético e filosófico, a proposta transita entre o humor e a emoción para reflexionar sobre a luz, o tempo, o amor e a capacidade humana de crear.
O xoves 3, ás 17.00 horas, a Fundación Eugenio Granell acollerá As regras do xogo, de María Ruido, unha conversa-performance entre a artista, cineasta e investigadora e a escritora e activista Brigitte Vasallo arredor da mobilidade social, a violencia institucional e a performatividade de clase. Ás 20.00 horas, na sede da SGAE, Leonor Leal presentará El lenguaje de las líneas, unha conferencia bailada que recupera materiais da historia do flamenco para conversar sobre os procesos de creación, as aprendizaxes, as filosofías persoais e a memoria.
O venres 4, a programación trasladarase ás 17.00 horas aos exteriores do Museo do Pobo Galego con Medro, medro e non sei onde parar, de Ismael Ramos, unha proposta que combina poesía, acción pública e memoria política e transforma o espazo urbano nun lugar de encontro entre palabra e reivindicación colectiva. Ás 19.00 horas, na Sala Agustín Magán, Félix Fernández presentará Xavier a través de min, unha peza de carácter autobiográfico na que danza, voz, texto, instalación e espazo sonoro serven para construír unha homenaxe íntima ao seu irmán Xavier e ao seu legado.
O sábado 5 comezará ás 11.30 horas na Fundación DIDAC con Baharestan Carpet, de Tere Recarens e Shima, unha performance inspirada no modelo persa Chaharbagh na que o público poderá achegarse tamén á escritura en persa. Ás 16.30 horas, o Parque de Belvís acollerá Un paseo polo parque, un roteiro fotográfico para crianzas organizado en colaboración coa Fundación DIDAC a partir da exposición Hamartia, de Rita G. Rivera.
A programación continuará ás 18.30 horas no Parque de Bonaval con Sergio Marey e Total nós xa estamos mortas, un ritual performativo arredor da memoria trans no que corpo, voz, arquivo e cera se converten en ferramentas para conectar as violencias do pasado coas que continúan presentes na actualidade. A xornada pecharase ás 20.30 horas no Teatro Principal con Luz Arcas / La Phármaco e Morphine. Nana para Emmy Hennings, unha peza de danza inspirada na poesía da creadora dadaísta Emmy Hennings que explora o transo, o animismo, a memoria biográfica e os elementos rituais.
O domingo 6 abrirá a última xornada ás 12.00 horas no Parque da Alameda, xunto á estatua homenaxe a Federico García Lorca, con 8 km en mula, de Álvaro Murillo e Alejandro Vega, unha crónica danzada e flamenca dun suceso real acontecido en 1928 que inspirou a Federico García Lorca para escribir Bodas de sangre.
Ás 12.30 horas, no mesmo espazo, terá lugar a mostra de resultados do taller de performance de Ana Gesto, na que as persoas participantes compartirán diferentes accións desenvolvidas durante os días previos.
A programación regresará pola tarde á Casa das Máquinas. Ás 18.00 horas, iXa presentará Ollos cara adentro / Barruranzko Begiradak, unha peza de danza que parte do universo onírico e da concepción surrealista do soño para explorar a relación entre o mundo interior e exterior. Ás 18.30 horas será a quenda de Corpo Liminal con Ábrego, un quinteto de danza contemporánea que investiga a tensión entre a raíz e o vento, entre aquilo que nos sostén e aquilo que nos transforma.
O peche do festival chegará ás 20.00 horas no Teatro Principal con Enésima e Transparentar, unha proposta de danza-teatro creada por Bal Castro e Inés Santos que reflexiona, desde a perspectiva da xeración Z, sobre a denominada “xeración de cristal”, a identidade xeracional, o esgotamento, a vulnerabilidade e as incertezas do futuro.
TALLER DE PERFORMANCE CON ANA GESTO
A vertente formativa do festival estará protagonizada por Ana Gesto, que impartirá do 2 ao 4 de setembro, de 10.00 a 14.00 horas, no Centro Sociocultural Santa Marta, un taller centrado nas ferramentas fundamentais para o desenvolvemento da performance e da arte de acción.
A actividade abordará cuestións como o tempo, o espazo e a presenza, así como o proceso de transformación dunha idea nunha acción performativa. A través dunha metodoloxía inmersiva, as persoas participantes traballarán con materiais e obxectos cotiáns, coa contorna arquitectónica, co espazo público e coa sonoridade.
O taller é gratuíto e xa esgotou as 15 prazas dispoñibles previa inscrición.
Tamén require inscrición previa en info@plataforma.gal o roteiro fotográfico para crianzas Un paseo polo parque, que se celebrará o sábado 5 de setembro.
PLATAFORMA E A CIDADE
Plataforma mantén nesta sétima edición unha das características que definen a súa identidade: a deslocalización da programación e o diálogo entre creación contemporánea e cidade.
As propostas desenvolveranse na Casa das Máquinas, Centro Sociocultural Santa Marta, Fundación DIDAC, Fundación Eugenio Granell, Museo do Pobo Galego, Observatorio Astronómico Ramón María Aller, Parque de Belvís, Parque de Bonaval, Paseo da Alameda, Sala Agustín Magán, sede da SGAE e Teatro Principal.
Durante cinco días, artistas, performers, músicos, actores, bailaríns, coreógrafos e público compartirán unha experiencia arredor das artes vivas e da performance entendida como un espazo de creación aberto, efémero e irrepetible.
Máis información: plataforma.gal