MIGUEL ARAÚJO · PASSEMOS AOS SALÕES
MÚSICA · CICLO FIESTRA ABERTA
Miguel Araújo chega ao Teatro Principal con Passemos aos Salões, unha xira na que recupera a esencia da canción en directo nun formato íntimo de voz e piano acústico. Máis que un concerto, propón un serán compartido co público, no que revisita algunhas das composicións máis coñecidas da súa carreira mentres revela as historias, as inspiracións e os bastidores que as fixeron nacer. Cada actuación convértese así nun encontro único e irrepetible.
Considerado un dos grandes nomes da música portuguesa contemporánea, Araújo é autor de cancións como Anda Comigo Ver os Aviões, Os Maridos das Outras, Balada Astral ou Dona Laura, ademais de compositor para artistas como António Zambujo, Ana Moura, Carminho ou Ana Bacalhau. Cunha traxectoria de máis de dúas décadas, tanto en solitario como á fronte de Os Azeitonas, consolidouse como un dos principais creadores da escena lusa.