XI CICLO DE LUGARES E ÓRGANOS · MÚSICAS E OUTRAS PAISAXES DE COMPOSTELA
Eliot X. Dios, órgano e cravo
Rahel Boell, violín
MELODÍAS EN BUSCA DE AUTOR: RELATO, ESCOITA
Que pasaría se as melodías tivesen conciencia? E se fosen elas as que escollesen en que mente facerse sentir e en que mans tomar forma? Este concerto, inspirado na coñecida obra teatral de Luigi Pirandello, concíbese como unha proxección sonora dunha idea: a de ofrecer unha visión do mundo desde o punto de vista dunha melodía.
O clavecinista e organista Eliot X. Dios e a violinista Rahel Boell presentan un singular programa que combina obras de Couperein, J. S. Bach ou François Francoeur con improvisacións e creacións inéditas. Neste diálogo, caracterizado por unha fonda intensidade interpretativa e un refinado dominio estilístico, as melodías convértense en auténticas personaxes sonoras: cambian, medran e reinvéntanse nos instrumentos que as acollen. O concerto constrúe así unha narrativa íntima, onde cada melodía revela a súa identidade a través do relato, da escoita e da transformación.
Eliot Xaquín Dios, gaiteiro, pianista, clavecinista, organista e compositor nacido no Porto do Son, é unha das voces máis destacadas da nova xeración galega da música antiga. Formado en Galicia e especializado en cravo, baixo continuo, improvisación e composición histórica na Haia, destaca pola súa capacidade para integrar tradición e creatividade nunha interpretación expresiva e profundamente persoal.