CINEUROPA
ACTIVIDADES PARALELAS
SEMPRE. Arquivo cinematográfico e historia do tempo futuro
Conferencia de Luciana Fina
Partindo do material cinematográfico que deu orixe ao filme e á instalación SEMPRE. A palabra, o soño e a poesía na rúa, realizados para a Cinemateca Portuguesa con motivo do cincuentenario do 25 de abril, Luciana Fina propón unha reflexión arredor das problemáticas vinculadas á representación cinematográfica da historia e da Revolución, deténdose especialmente nas estratexias de montaxe que permitiron abrir un diálogo entre o pasado e o agora.
Nestes traballos dedicados ao proceso revolucionario, afástase a mirada da dimensión narrativa ou celebrativa dos acontecementos e dos grandes protagonistas da Revolución, para artellar xestos corais e figuras “menores” a través de diversas tipoloxías de imaxe, procedentes de arquivos institucionais e domésticos, cinematográficos e televisivos.
O título SEMPRE, tomado dunha expresión reiterada ao longo das décadas —“25 de abril sempre!”—, ao cinguirse unicamente ao adverbio, formaliza e acentúa o encontro entre as épocas. O termo “sempre” establece unha tensión polarizadora entre a noción de continuidade ininterrompida, sen fin nin principio, nun tempo amplísimo do pasado ou do futuro, e, por outra banda, a noción de permanencia: aquilo que non cesa, non muda, que persiste sen poder afastarse do que foi.
Inspirada pola arqueoloxía foucaultiana, Fina parte da idea do arquivo como conxunto de discursos efectivamente pronunciados, enunciados que continúan a operar transformándose ao longo da historia e que, ao retornar hoxe no corpo dunha nova obra e perante o espectador contemporáneo, abren a posibilidade de que xurdan outros discursos. O que está en xogo é a posibilidade de volver facer inacabado o que estaba dado por concluído, de recuperar a imaxe suspendida, de permitir que o pasado se reinvente, recolocando así en campo a hipótese —ou o dereito, hoxe posto en cuestión— de imaxinar o futuro.
Luciana Fina é cineasta e artista italiana, traballa en Lisboa desde 1991. Desenvolveu un extenso corpo de obras destinadas á sala de cinema, ao escenario, ao museo e ao espazo expositivo. Investigadora en Artes da Imaxe en Movemento, é bolseira da Fundação para a Ciência e a Tecnologia e colaboradora do CIEBA, Universidade de Lisboa, Facultade de Belas Artes. Despois da súa formación en Literaturas Románicas e da súa experiencia en programación cinematográfica en Italia, inicia unha longa colaboración coa Cinemateca Portuguesa. Estreouse na realización en 1998, sumándose á xeración que lle deu novo pulo ao cinema documental en Portugal.