As Xornadas de Ilustración Urbana regresan a Compostela os días 7 e 8 de novembro , unha fin de semana chea de oportunidades para descubrir o poder do debuxo e da ilustración como ferramentas para contar as cidades desde outra mirada, fixándose nos pequenos detalles que conforman o día a día e convidando a visitalas con tempo, a se deter e a observalas con calma.
A Casa das Máquinas acollerá un completo programa de obradoiros, conferencias e sesións de conversa abertas ao público, con acceso libre e gratuíto, nas que artistas de distintas procedencias compartirán os seus procesos e experiencias creativas.
A presente edición contará coa participación de Daniel Pagáns, Inma Serrano, Pascale Lee, Olivia Marcus, Ximena Maier, Barnaba Salvador e Sarah Mari Shaboyan, que achegarán a súa visión sobre a ilustración urbana, os cadernos de viaxe e o poder da imaxe como relato do cotián.
O venres 7 de novembro celebrarase a inauguración das xornadas e as conferencias de Inma Serrano, Pascale Lee e Olivia Marcus.
O sábado 8, a programación abrirá co obradoiro de debuxo Partindo de Cero, impartido por Daniel Pagáns, dirixido a persoas adultas sen experiencia previa, e continuará polas tardes cos faladoiros de Ximena Maier, Barnaba Salvador e Sarah Mari Shaboyan.
As Xornadas de Ilustración Urbana contan co apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, e desenvólvense en paralelo ás  actividades do Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, que cada ano converte a cidade nun punto de encontro entre artistas e público arredor do debuxo e da creación.
Programa das Xornadas de Ilustración Urbana 2025
7 e 8 de novembro | Casa das Máquinas (Rúa Galeras, Santiago de Compostela)
Acceso libre e de balde
VENRES 7 DE NOVEMBRO
16.15 h | Inauguración oficial das Xornadas
Acto de apertura coas intervencións institucionais e presentación do programa
16.30 h |  Conferencia: “Dende cero: o proceso de creación dun debuxo”
Inma Serrano
A artista amosará como afronta o proceso creativo e como transforma a observación en debuxo.
17.15 h |  Conferencia: “Paseando con acuarelas, unha taiwanesa en París”
Pascale Lee
Relato visual sobre o descubrimento da cidade e a emoción do caderno de viaxe.
18.00 h | Conferencia: “Baño de multitudes!”
Olivia Marcus
Reflexión sobre a ilustración como ferramenta de rexistro e de encontro coa xente e cos espazos públicos.
SÁBADO 8 DE NOVEMBRO
10.30–12.30 h | Obradoiro: “Partindo de Cero”
Impartido por Daniel Pagáns
Obradoiro práctico para persoas maiores de 18 anos sen coñecementos de debuxo.
Temas: materiais básicos, cor, rotulación e composición.
Inscrición en info@compostelailustrada.com
16.30 h | Conferencia: “Azulexos ilustrados”
Ximena Maier
Un percorrido pola arte e tradición dos azulexos como soporte para a ilustración contemporánea.
17.15 h | Conferencia: “A Vía Francíxena”
Barnaba Salvador
Unha viaxe visual pola histórica ruta de peregrinación e a súa interpretación artística.
18.00 h | Conferencia: “Como atopar a túa linguaxe na arte gráfica e como facer que funcione”
Sarah Mari Shaboyan
Reflexión sobre a identidade artística, o proceso creativo e a busca dunha voz propia na ilustración.