PULSO ENSEMBLE · LABORATORIO SONORO INCLUSIVO - SYMBIONT

DATOS BÁSICOS

CONTEMPORÁNEAS 2025-2026

PULSO ENSEMBLE

Pablo Paz, percusións
María Dominguez, piano.
Asia Jiménez, violín
Sara Méndez, saxofón
Pedro González, electrónica

Asociación Arraianas, Coro

LABORATORIO SONORO INCLUSIVO - SYMBIONT

Pedro González Fernández (1991)

Symbiont (2025)*

Encargo do Festival Mixtur e estrea en Galicia

O proxecto pedagóxico Laboratorio Sonoro Inclusivo - Symbiont ten como obxectivo achegar a música contemporánea ao público en xeral e, en particular, ás persoas en risco de exclusión social. A través dunha serie de obradoiros liderados polos integrantes de Pulso Ensemble, as persoas participantes introduciránse de maneira activa nas diferentes prácticas sonoras contemporáneas.
Nesta ocasión, as participantes formarán parte da estrea en Galicia do espectáculo Symbiont, do compositor Pedro González, dentro do Ciclo Contemporáneas, organizado polo Auditorio de Galicia.
Symbiont é unha instalación multimedia duns 35 minutos de duración para ensemble de cinco músicos (violín, saxofóns, percusión, teclados, electrónica), grupo de bailaríns e coro xuvenil. Os intérpretes interactúan cun obxecto orgánico do futuro, formado por pólas e elementos naturais activados por servomotores e microcontroladores, creando unha paisaxe sonora híbrida entre o orgánico, o humano e o artificial. A obra explora visións futuristas utópicas e distópicas sobre a simbiose entre industria, natureza e tecnoloxía.
Pulso Ensemble
Pulso Ensemble nace no ano 2019 centrado na música experimental de nova creación. Desde os seus inicios aposta por un discurso articulado arredor da contemporaneidade e da relación entre o individuo e a revolución dixital. Os integrantes de Pulso participaron nos principais festivais europeos dedicados á música de nova creación, traballando con compositores como Michael Beil, Simon Steen-Andersen, Alexander Schubert, Stefan Prins, José Manuel López López, César Camarero, Fritz Hauser, François Sarhan, Marko Ciciliani, Svetlana Maras ou Marianthi.
Pedro González
Pedro González é un compositor, violinista e investigador especializado en proxectos de arte intermedia. As súas composicións foron interpretadas en festivais como o Internationales Musikfest Hamburg, a International Computer Music Conference, o Sound & Music Computing Conference, o Centre National de Création Musicale (GRAME), o Musica Festival en Estrasburgo, o Festival Ensems ou o Klangwerkstatt en Berlín. Desde marzo de 2021, Pedro é profesor de Música Contemporánea na Escola Superior de Música de Catalunya (ESMUC) en Barcelona. En 2023, recibiu unha bolsa Fulbright como investigador convidado no CCRMA da Universidade de Stanford para traballar en sistemas de feedback háptico e 4E Cognition. Tamén impartiu seminarios sobre multimedia na HfMT de Hamburgo e na MHL de Lübeck, e traballa como compositor e violinista freelance en España e no norte de Alemaña

Duración: 
60 MIN
Acceso: 
  • compostelacultura.gal
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • Despacho de billetes do Auditorio de Galicia. O día do espectáculo desde 1 h antes do comezo do mesmo. Tel.: 981 571 026

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

 

Info práctica: 
Domingo, 31 Maio, 2026
12:30
Auditorio de Galicia