FAIA presenta o seu segundo disco en solitario, Alvela, un traballo complexo e sutil, con dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e grabacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.
Neste concerto de estrea FAIA estará acompañada da arpista bretoa Bleuenn Le Friec e o cuarteto vigués de cordas Suelen Estar Quartet, integrado por Elena Vázquez (violín), María José Pámpano, (violín/ viola), Macarena Montesinos (violonchelo) e Saúl Puga (contrabaixo). A proposta musical completarase co vestiario de Melania Freire e o deseño de luz a cargo de Nonon Lab.