XORNADAS DE MÚSICA CONTEMPORÁNEA 2022

DATOS BÁSICOS

As Xornadas de Música Contemporánea teñen o obxectivo de promover e difundir as últimas tendencias e a innovación da música contemporánea, poñéndoa en valor ao carón dos xa considerados clásicos do século XX. Nesta edición das xornadas mantemos a mesma liña de traballo e colaboración institucional que caracterizou as edicións precedentes e así, ademais da Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Concello de Santiago de Compostela a través do Auditorio de Galicia, contamos de novo coa aportación da Deputación da Coruña, do Consorcio de Santiago e doutras institucións musicais locais.

Ademais, neste 2022 as Xornadas contan coa participación da JONDE, Joven Orquesta Nacional de España, como Orquestra Residente. Os máis novos e novas, arredor do lema ‘Poñer o foco’, repasarán a música contemporánea en dous concertos de ensemble contemporáneo, en colaboración co PluralEnsemble, e tres de cámara. Será un paseo polos últimos 25 anos de parte da creación musical contemporánea no que os instrumentos clásicos da JONDE se mesturarán coas novas tecnoloxías, ao igual que pasará no resto das propostas que completan o programa. Compositoras e compositores de varias xeracións con estéticas e camiños ben diferentes conflúen en varios programas nos que a electrónica, o vídeo ou a danza terán un papel relevante.

Xunto a eles, completan o programa a pianista María Domínguez, a proposta de ‘Clorindae, performance de música e danza’ e a proposta musical-escénica de Isabel Villanueva e Antonio Ruz con ‘Signos’. Ademais, por suposto, das xa habituais colaboracións no programa da Real Filharmonía de Galicia, cunha homenaxe a Carlos López García-Picos, e da Banda Municipal de Música que nos ofrece un programa de música contemporánea de autoría ou temática integramente galega.

Entradas: 
  • compostelacultura.gal
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • Despacho de billetes do Teatro Principal. O día do espectáculo desde 1 h antes do comezo do mesmo. Tel.: 981 542 349
  • Despacho de billetes do Auditorio de Galicia. O día do espectáculo desde 1 h antes do comezo do mesmo. Tel.: 981 571 026

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

PROTOCOLO DE ACCESO A ESPECTÁCULOS PUBLICADO NA PORTADA

Funcións: 
Mércores, 1 Xuño, 2022 a Mércores, 22 Xuño, 2022
Varios lugares