XMC_CONCERTO DO TAC

DATOS BÁSICOS

As Xornadas de Música Contemporánea comezan cun dos concertos de celebración do X aniversario do TAC (Taller Atlántico Contemporáneo)

Luis Soto, frauta travesa, frauta en sol, piccolo
Saúl Canosa, clarinete, clarinete baixo
Nicasio Gradaille, piano
José Vicente Faus, percusión
Pedro Rodríguez, violín
Álvaro Quintanilla, violoncello

Diego García Rodríguez, director

Programa:

Nicole Lizée (1973)
Music for body without organs (2011)

J. Cage (1912-1992)
Concerto for piano (1957/1958)
(Nicasio Gradaille, solista)

F. Rzewski (1938)
Pocket Symphony (2000)

 

Diego García Rodríguez, director
Diego é o director artístico e musical do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC). Os seus compromisos como director invitado comprenden orquestras, teatros de ópera e festivais nacionais e europeos. No eido operístico destacan o seu debut no Teatro Real de Madrid con Hansel e Gretel de E. Humperdinck, Rigoletto e Macbeth de G. Verdi da Asociación de amigos da ópera de Vigo, Carmen de Bizet na Opera Baltycka (Polonia), a dirección musical da tempada 2015 da compañía donostiarra Opus Lírica cos títulos O barbeiro de Sevilla de Rossini e Rigoletto de Verdi, A Ópera dos Tres Reás co Centro Dramático Galego e as estreas mundiais de It makes no Difference..., ópera de cámara do compositor Simone Spagnolo no festival Tête à Tête dos Riverside Studios de Londres e de Die Traumende Knaben, melodrama do compositor Torsten Rasch en Dartmoor (Reino Unido). No 2019 é convidado ao Teatro Real como director musical de Don Carlo de Verdi. Colabora coa Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquesta Sinfónica de Castilla y León, Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias, Orquesta de Extremadura, Orquesta Filarmónica de Málaga, Orquestra Sinfónica Vigo 430, Orchestre des Pays de Savoie (Francia), Akademicka Orkiestra Bydgoszcz (Polonia), Orquestra Nova da OSG (proxecto Sonfuturo), Dartington Festival Orchestra (Reino Unido) e co festival The two Moors (Reino Unido). Obtivo o seu Mestrado artístico en dirección de orquestra (MA) na Zürcher Hochschule der Künste (Zúric, Suíza) e ampliou a súa formación xunto ao mestre Diego Masson na Dartington Summer School (Reino Unido) en 2009 e 2010. Naceu en Escarabote, A Coruña.

Taller Atlántico Contemporáneo (TAC)
O TAC presentouse en marzo de 2010 na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela coa obra de Mauricio Kagel Eine Brise, para 111 ciclistas. Quixo reivindicar dende un principio a cercan ía que a música contemporánea pode ter para o público actual, así como a posibilidade de facer concertos con novos formatos. No mesmo ano colocou un piano de cola no faro de Fisterra para interpretar integramente a obra de Erik Satie Vexations. 18 horas de piano ininterrompidas. No CGAC presentou un ciclo de seis concertos adicados á música de compositoras e compositores galegos. Co grupo de rock Siniestro Total estrearon a Suite Suicida Land of Opportunity do compositor Javier López de Guereña. En 2011 e 2012 organizaron na Cidade da Cultura de Compostela sendos ciclos de ‘Os Seráns do TAC’ que incluían música contemporánea, humor e gastronomía e que contou con artistas como Carlos Blanco, Quico Cadaval, Julián Hernández, Diego Masson, Paul Daniel, e os restaurantes Pepe Solla, Eirado da Leña, Abastos 2.0, Culler de Pau e Yayo Daporta. Outras das súas participacións máis destacadas son as do Auditorio Nacional de Madrid, as Xornadas de Música Contemporánea en Compostela, a 53ª Semana de Música Relixiosa de Cuenca e o Festival Internacional de Música y Danza de Granada. No 2019 presentarase no Festival Internacional de Santander e na Quincena Musical Donostiarra. En 2013 recibe dous importantes galardóns: o Premio Galego da Crítica e o Primeiro Premio “Martín Códax” (Premios Galegos da Música), na categoría de Música Clásica e Contemporánea. O TAC é un grupo estable, de formación aberta e ten como director artístico a Diego García Rodríguez

 

Duración: 
60 MIN
Información da billeteira: 

Despacho de billetes do Teatro Principal. Aberto de martes a sábado (+ días de evento) de 18.00 a 21.00h. Os días que hai evento no Teatro, a venta anticipada remata ás 20.00h e só se venden entradas para o espectáculo dese día. Teléfono: 981 542 349 Despacho de billetes do Auditorio de Galicia. Aberto só os días de espectáculo desde 1h 30 min antes do comezo do mesmo. Teléfono 981 571 026

Funcións: 
Mércores, 9 Setembro, 2020
20:30
Auditorio de Galicia

UBICACIÓN

Auditorio de Galicia