ROSA Mª FERNÁNDEZ, MUSICÓLOGA
Di un aserto que o que non se nomea non existe; pero aínda hai algo peor; que exista e que non se nomee, ben por descoñecemento, ben para invisibilizalo. A ópera no século XXI afírmase como unha das expresións artísticas que con maior fondura reflexiona sobre a problemática que atravesa ao ser humano: as sexualidades marxinadas, o cambio climático, as sociedades ‘hipertecnoloxizadas’ ou a soidade dos anciáns. A ópera convértese nun potente vector do cambio dentro das artes, dado o poder transformador que teñen a música, o texto e a escena conectados ao mesmo tempo. A segunda e última charla destas Xornadas céntrase en dar a coñecer estas óperas, das que apenas chega un velado eco a pesar de situarse moitas delas no centro do debate social. Alexina B de Raquel García- Tomás, C02 de Giorgio Battistelli, Orgía de Héctor Parra ou As one de Laura Kaminski son algunhas delas.