XMC: UN PECADO CHEO DE PRACER con VERTIXE SONORA

DATOS BÁSICOS

XORNADAS DE MÚSICA CONTEMPORÁNEA XUÑO 2021

VERTIXE SONORA: Adriana Aranda voz | Pilar Fontalba óboe | Haruna Takebe teclados

O verso da poeta iraniana Forugh Farrojad (1935-1967), acubilla as estreas mundiais de Yulan Yu (China), Eda Er (Turquía), Alyssa Aska (EE.UU.) e Manuela Guerra (Italia) na celebración dos 10 anos da aparición de Vertixe Sonora. Unha reivindicación da creación feminina actual na súa impoñente diversidade que se completa coa presentación da derradeira obra de Carolina Cerezo (España).

Na procura de emocións compartidas, camiñaremos adiante e atrás no tempo reelaborando unha historia musical da sororidade —máis transversal, máis elíptica e máis matizada—, a través do fío de complicidades que a sensibilidade das mulleres leva tecido ao longo dos tempos. O mundo interior das mulleres nos epigramas de Nossis na Italia do século III a. C.; a concepción da feminidade no mito bíblico de Lilith ou no pensamento taoísta; a intimidade de goces relacionados coa fisicidade, o tacto e a pel; o tormento da obsesión en Pigmalión; a rebeldía contra séculos de opresión que condenou á infelicidade a tantas mulleres porque aínda escandaliza a súa insubornable liberdade vital… Unha relectura da arte, da literatura, dos mitos e da historia en clave contemporánea coma homenaxe ás creadoras que nos precederon.

PROGRAMA 'UN PECADO CHEO DE PRACER'

Yulan Yu (1990) Lilith* (2021) para piano amplificado e soporte fixo.

Manuela Guerra (1996) Nova obra* (2021) para piano e voz

Carolina Cerezo (1993) La peaux douce** (2021) para óboe amplificado, cinta e catro resoadores

Eda Er (1989) O que algúns chaman virtude, outros pecado* (2021) para óboe, piano, soporte fixo e video

Alyssa Aska (1985) Nossis* (2021) para voz, óboe, piano

*Estrea absoluta. Comisionada por Vertixe Sonora

** Presentación en Galicia

Vertixe Sonora

Colectivo flexible que integra solistas de importante traxectoria no ámbito da música contemporánea en Galicia e Portugal, Vertixe Sonora Ensemble favorece un espazo aberto á reflexión, discusión e intercambio na música contemporánea. Está formado por artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e a danza cunha común vontade por desenvolver propostas musicais cunha perspectiva artística global que atopan na procura da excelencia artística e no forte compromiso coa música e os creadores do noso tempo a súa razón de ser. Xurde co afán de manter unha estrutura estable de encomendas, favorecer a creación de producións musicais de actualidade e dinamizar o espectro sonoro contemporáneo desde o vértice peninsular dun xeito que resulte significativo nunha perspectiva internacional. A partires dunha conciencia da multiplicidade no achegamento ao sonoro establece un constante diálogo e interacción co pensamento, a ciencia, a tecnoloxía e outras formas artísticas da contemporaneidade desde unha óptica cosmopolita, integradora e transcultural que non renuncia nin ao rigor, nin á transgresión nin ao espírito de vangarda.

Entradas: 
  • RETIRADA DE ENTRADAS EN LIÑA: LUNS DA SEMANA DO EVENTO_10.00 H
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. Aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Domingos de 11 a 14 h (Luns pechado). Teléfono 981 542 462
  • Despacho de billetes do Auditorio de Galicia. Aberto o día do espectáculo desde 1h 30 min antes do comezo do mesmo. Teléfono 981 571 026

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

PROTOCOLO DE ACCESO A ESPECTÁCULOS PUBLICADO NA PORTADA

Funcións: 
Venres, 25 Xuño, 2021
20:30
Auditorio de Galicia

UBICACIÓN

Auditorio de Galicia