XMC: ELAS FAN ÓPERA

DATOS BÁSICOS

XORNADAS DE MÚSICA CONTEMPORÁNEA XUÑO 2021

Elas fan Ópera

Conversando

Rosa Mª Fernández, musicóloga

A ópera é moito máis que un fenómeno estético daqueles considerados como paradigma da grande arte. É o ámbito de desvelo da verdade, na que o ser humano propón preguntas e busca respostas sobre quen é e cal é o seu lugar nun mundo globalizado e devastado como o actual. Baixo o título Elas fan ópera, proponse un percorrido polas diferentes aportacións que teñen feito a esta arte contemporánea as máis sobresaíntes dramaturgas, compositoras, directoras de escena e cantantes. No que respecta ás compositoras, tratarase das óperas máis destacadas e do estilo compositivo de Kaija Saariaho, Chaya Czernowin e Raquel García-Tomás; no que atinxe ás directoras de escena, falarase do traballo ideado por Marta Pazos, Lotte de Beer e Vera Nemirova; cantantes como Barbara Hannigan ou Patricia Petibon terán o seu espazo nestas Xornadas, nas que nos achegaremos tamén ás claves interpretativas de directoras como Hannigan, Nazanin Aghakhani ou Susanna Mälkki. Nestas charlas non se trata de facer un relato da ópera contemporánea desde a pura especulación teórica, senón de achegala ao público con exemplos audiovisuais concretos que amosen unha forma de concibir a ópera en feminino e a súa forma de interpelar ao espectador de hoxe.

Rosa Mª Fernández

Naceu en Ponferrada en 1970. É licenciada con grao en Historia e Doutora en Musicoloxía pola UAB. Mestrado en Dereito da Unión Europea e Mestrado en Operacións de Intelixencia e Contraintelixencia. Neste ámbito forma parte do grupo académico internacional sobre Crisis Internacionais e é analista do CESEG. É investigadora en análise de música contemporánea do Instituto de Recherche Musical da Sorbonne e Académica da Reial Acadèmia Catalana de Belles Arts de Sant Jordi desde 2006, sendo a persoa máis nova en ingresar en España nunha Real Academia. Foi bolseira en distintos organismos para realizar investigacións musicais en Ciudad de México, Barcelona e Bruxelas. Foi membro de tres proxectos internacionais de I+D e profesora de Doutorado de Música na USC. Centrou gran parte das súas investigacións na música contemporánea, especialmente en análise e novas dramaturxias escénicas, do que impartiu numerosos cursos. Nestes ámbitos, escribiu varios libros e publicou máis de 30 artigos científicos, especialmente en España e Italia. Actualmente desenvolve unha investigación sobre dramaturxia contemporánea na Università de Musicologia de Milán e ten rematado un libro sobre composición contemporánea en Galicia, encargo da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Desenvolveu distintos proxectos relacionados coa interacción da música e as artes audiovisuais. Neste eido, comisariou proxectos para a Orquesta Nacional de España, o Auditorio Nacional de Madrid, o Centre de Musica Contemporania de Barcelona ou o Govern de Andorra. Entre os proxectos que ten comisariado para o CGAC, destacan a instalación Sonora en 12 canales ARGOT Laberinto fluido, encargada polo propio CGAC, premiada polo Instituto Cervantes e posteriormente levada ao Museum Weserburg de Bremen, á Fonoteca Nacional de México, á CAAM-San Antonio Abad e aos Institutos Cervantes de Frankfurt e Bruxelas.

Entradas: 
  • VENDA DE ENTRADAS EN LIÑA: LUNS DA SEMANA DO EVENTO_10.00 H
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. Aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Domingos de 11 a 14 h (Luns pechado). Teléfono 981 542 462
  • Despacho de billetes do Auditorio de Galicia. Aberto o día do espectáculo desde 1h 30 min antes do comezo do mesmo. Teléfono 981 571 026

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

PROTOCOLO DE ACCESO A ESPECTÁCULOS PUBLICADO NA PORTADA

 

Funcións: 
Luns, 14 Xuño, 2021
19:30
Auditorio de Galicia
Luns, 21 Xuño, 2021
19:30
Auditorio de Galicia