XMC: 120 FOTOGRAFÍAS + 8 FABULACIÓNS

DATOS BÁSICOS

XORNADAS DE MÚSICA CONTEMPORÁNEA XUÑO 2021

 

Pablo Sanmamed, compositor e contrabaixo

Helena Sousa Estévez, acordeón

María José Pámpano, violín

Iago Mourinho, piano

 

Eutropio Rodríguez, diálogo fotográfico

Nieves Neira Roca, poesía en movemento

 

120 fotografías + 8 fabulacións*

Unha ollada multidisciplinar á obra de Maruja Roca

*Estrea absoluta

Cerimonias de té, piratas. Mulleres coma fadas, libres. Ambulantes, feirantes, ciganas. O mundo correu pola cámara de Maruja Roca nas décadas dos 40 e dos 50 coma un río escintilante, brillante, musical. As 120 imaxes de quen foi unha das fotógrafas máis abraiantes do país recuperadas no libro O feitizo de Maruja Roca (aCentral Folque, 2020) debuxan un arco. Lánzannos das serras orientais luguesas onde viviu ao Oriente dos lugares imaxinados e soñados. Infinita fantasía, xogo, danza.

120 fotografías + 8 fabulacións é unha ollada multidisciplinar á obra desta artista con música de Pablo Sanmamed creada especialmente para o espectáculo que aquí se estrea. Un total de oito composicións narrativas contemporáneas que, con influencias doutras sonoridades, verquen en partituras os líquidos de revelado. Debedora dos encontros escenificados que Maruja Roca provocaba na súa fotografía, a proposta reúne por primeira vez nun escenario ao pianista Iago Mourinho, á acordeonista Helena Sousa e á violinista María José Pampano xunto cos autores do libro, o editor fotográfico Eutropio Rodríguez e a escritora Nieves Neira Roca, ademais do propio Sanmamed ao contrabaixo. Música, poesía e imaxes trenzadas en homenaxe dunha artista que vén de saír do silencio.

Pablo Pérez Sanmamed é contrabaixista, baixista e compositor. Estudiou contrabaixo no Conservatorio de Música de Santiago con Dalibor Sebestnik e posteriormente con Quique Alvarado, Paco Charlín, Mariano Martos e Iñigo Azurmendi, baixo eléctrico e contrabaixo, composición e análise con Daniel Martínez entre outros. Realizou seminarios e clases maxistrais con Jesús Santandreu, Chris Kase, Abe Rábade, Santi Quintáns, David Friesen, Raynald Colom, Perico Sambeat e Carlos Martín entre outros, ademais de catro cursos no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e realizar estudios no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Obtivo varios premios de composición como: Primeiro Premio á mellor música orixinal no 16º Festival du Film Espagnol en Toulouse no 2011, Primeiro Premio á mellor música orixinal Festival Internacional de Cine de Oaxaca no 2011,Primeiro Premio World Music outorgado por Músicos ao Vivo no 2013, 2016 e 2019 por Crebinsky. Como proxectos persoais ten o seu propio trío de jazz Pablo Sanmamed Trío co que publica 16/04 no 2018 e Ben Vennas Maio, un sexteto de instrumentación mixta  sobre a obra de Afonso X publicado no 2020. Ademais ten gravados 67 discos e/ou DVD con diversos artistas (German Coppini, Mark Sanders, Ricardo Tejero...). Compuxo música para filmes como Crebinksy, Funes o inventor da Lúa, numerosas curtametraxes (Minotauromaquia, De tripas y corazón, Mártires...), así como sintonías para programas de televisión e anuncios e música para teatro das compañías Teatro da Lúa, A Xanela do Maxín e danza (Entroidanzas). Participou en numerosos festivais como o WOMAD, Festival Internacional de Jazz de Getxo, Jazzaldia de Donostia-San Sebastián, SONAR, Festival de L´Orient,  Intercéltico de Glasgow, ou o Festival Internacional de Panamá.

Nada en Ourense en 1993, Helena Sousa Estévez é unha acordeonista profesional cunha grande experiencia a nivel solista ou como parte de ensembles e premiada en diversas competicións en España e no estranxeiro. Tras obter o Título Superior de Música en Musikene – Centro Superior de Música do País Vasco (San Sebastián, 2015) e o Mestrado de Musica na HEAR – Haute École des Arts du Rhin (Estrasburgo, Francia, 2017), Helena reside actualmente nos Países Baixos. Interesada pola colaboración continua con compositores no mundo da música clásica contemporánea, Helena realiza múltiples estreas absolutas e participa en numerosos proxectos como solista, co pianista Daniel Leiro Castro ou como parte de formacións como Doelen Ensemble, Ensemble Linea, Ensemble Intercolorou Khaer Duoentre, entre outros baixo a dirección de Arie van Beek, Jean-Philippe Wurtz, Natalia Salinas, Sander Teepen ou Roberto Beltrán-Zavala en festivais e proxectos internacionais como Festival Musica 2017, Arsmondo Festival 2019 e Festival Musica 2020, os tres en Estrasburgo; Codarts Composers Festival 2018 e 2019 en Rotterdam; Thy Chamber Music Festival 2019, en Dinamarca; IMPULS Festival 2019, Alemaña ou Festival de l'Épau 2020 en Le Mans.

María José Pámpano é graduada polo Conservatorio Superior de Música de Vigo, especializada na interpretación historicamente informada xunto á prestixiosa violinista Amandine Beyer na Escola Superior de Música e das Artes do Espectáculo do Porto onde realiza un Mestrado en Interpretación da Música Antiga, na especialidade de violín barroco. Cunha considerable formación e experiencia profesional no eido da música antiga, María José Pámpano é unha intérprete de grande versatilidade que a leva a participar en proxectos moi diversos ben coma violinista, violista ou fidulista. Coma músico de seu tempo, comparte a súa paixón na investigación das músicas do pasado con aquelas linguaxes musicais máis na vangarda da creación musical. Así, ademais de liderar a agrupación Concerto das Donas –especializado no repertorio feminino dos s. XVII e XVIII- forma parte da recente formada Orquestra Galega de Liberación ou do cuarteto de cordas experimental Suelen Estar Quartet, único na súa clase no territorio nacional.

Iago Mourinho, formado en música clásica no Conservatorio Profesional de Música de Lalín, comeza os seus estudos de jazz e música moderna con Javier Constenla. Posteriormente amplía a súa formación con mestres como Carlos Castro, Carlos Calviño, e realiza estudos superiores de jazz no Conservatorio Superior de A Coruña, con profesores como Roberto Somoza ou Marcelino Galán. Asistiu a clases maxistrais con Celia Mur, Victor Wooten, Steve Brown, Andy Phillips, Tom Warburton, Marc Ayza e Raynald Colom. Foi seleccionado para formar parte do encontro co Kirk Lightsey Trío. Forma parte de diversas formacións como Pablo Sanmamed Trío, Ben Vennas Maio, Batmacumba, Viruxe, Miguel Lamas Cuarteto, Slam (Beyond The Doors), Alfonso Calvo Septet, Leira 4, RH Atlantic Faktor (liderada polo trompetista bilbaíno Rubén Salvador), DinA4, André Russanoff Quartet, Maria Toro Quartet, Pepe Bao Quarteto, José Somoza Big Band, Hot Chocolates. Colaborou nos discos premiados de Buxeiro Trío (Ciclo Sgae Galiza Creativa) e Ela sabe a sol de Najla Shami (Premio Martin Codax da Música). Con grande parte delas participou repetidas veces de diversos festivais de jazz ao longo da península como Imaxinasons (Vigo), Iberojazz (A Coruña), Novas Músicas de Monforte, Festival de Jazz de Ourense, Feito a man (Santiago de Compostela), Festival de Jazz de Alcúdia (Mallorca). No campo da música clásica, realizou concertos didácticos e música para cinema mudo como pianista do Cuarteto de Corda Ancestral, así como pianista acompañante do tenor lírico Cesáreo Torres, da Coral Polifónica Casino do Carballiño, e tamén diversos eventos do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín ou Begoña Lorenzo.

Eutropio Rodríguez. Santiago de Compostela, 1969  Graduado en Fotografía Documental polo International Center of Photography de Nova York e Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Premiado en diversos certames coma o Premio Ksado da Deputación da Coruña e o Premio Caja España. Do mesmo xeito publicou o seu traballo nos medios The New York Times e Rolling Stone Magazine-New York. A súa obra está presente en diversas coleccións: URJC, International Center of Photograpy, Caja España, etc. Expuxo nas salas de arte da Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, Palacio de los Gobernadores San Roque-Cádiz, West Chelsea Building of Arts-Nova York, MACUF-A Coruña, Concello de Ourense-Outono Fotográfico, EFTI-Madrid, etc.  Coma docente de fotografía impartiu clase no International Center of Photography de Nova York nos anos 2000 e 2001 e na School for Social Research tamén de Nova York en 1998. Tamén e profesor de fotografía no Museo Gas Natural-Fenosa-A Coruña, e dende 2015 forma parte do equipo docente e investigador da Unidade de Talento e Altas Capacidades da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Neste ano foi editor de "O danés curioso", unha escolma de imaxes do antropólogo Gustav Henningsen para Acentral Folque Ed. E o Concello de Ordes. Tamén publicou "Os danzantes dos Reis" sobre a tradición do Rancho de Reis de Riofrío en Mondariz. O seu traballo sobre "Bestas" sobre vinte anos de documentación sobre a tradición da rapa das bestas está a piques de ser publicado nun libro.

Nieves Neira Roca (Lugo, 1983), xornalista e escritora galega, actualmente en fase de doutoramento como investigadora en crítica literaria na USC. É membro do padroado da Fundación Uxío Novoneyra e integrante da asociación luguesa 3monos para a promoción das artes escénicas. No ámbito da lectura danzada dirixiu en 2018 a obra 'Fulgor', sobre a obra escritora portuguesa María Gabriela Llansol (Espaço Llansol), e no 2020, 'Trenza', con textos propios para o ciclo 'Na distancia medran os versos' (Auditorio de Galicia). No ámbito da escrita e performativo colaborou coas artistas Carla Andrade (en 'Cando os ollos non bastan') e Sabela Mendoza (en 'Dedicatoria'), así como nos festivais Alguén que respira! (Santiago de Compostela), (S8) Mostra de cinema periférico (A Coruña) e Cartografía en Movemento (Lugo), con cuxas organizadoras mantén unha intensa relación creativa. Gañou en 2020 o premio de xornalismo Johán Carballeira por un traballo á volta da fotógrafa Maruja Roca, sobre a que  escribiu un libro no mesmo ano para aCentral Folque.

Acceso: 
  • RETIRADA DE ENTRADAS EN LIÑA: LUNS DA SEMANA DO EVENTO_10.00 H
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. Aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Domingos de 11 a 14 h (Luns pechado). Teléfono 981 542 462
  • Despacho de billetes do Auditorio de Galicia. Aberto o día do espectáculo desde 1h 30 min antes do comezo do mesmo. Teléfono 981 571 026

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

PROTOCOLO DE ACCESO A ESPECTÁCULOS PUBLICADO NA PORTADA

Info práctica: 
Mércores, 9 Xuño, 2021
20:30
Auditorio de Galicia