XMC · ENSEMBLE II JONDE

DATOS BÁSICOS

XORNADAS DE MÚSICA CONTEMPORÁNEA 2024 · CALEIDOSCOPIO

CONCERTO ENSEMBLE II JONDE

Ensemble Modern e JONDE

Pablo Rus Broseta, director

Isabel Rubio, directora asistente

A Joven Orquesta Nacional de España (JONDE) volve escoller Santiago de Compostela para celebrar o seu encontro anual. Do 31 de maio ao 4 de xuño a JONDE fará do Auditorio de Galicia o centro da súa actividade artística e formativa cara ao estudo e preparación do repertorio sinfónico e de cámara. As e os 45 integrantes da formación, con idades comprendidas entre os 19 e os 26 anos, traballarán en ensaios parciais ou seccionais nas diferentes especialidades instrumentais con docentes de recoñecido prestixio na contorna estatal e internacional. Durante este período perfilarán dous recitais liderados polo reputado conxunto alemán Ensemble Modern, baixo a batuta de Pablo Rus Broseta como director convidado e con Isabel Rubio como directora, que se presentarán en concerto na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia.

O segundo destes recitais terá lugar o domingo 9 de xuño ás 20.30 horas. A formación interpretará un programa con pezas de Pierre Boulez e Jörg Widmann que se intercalan con dúas estreas absolutas: Brana, da compositora María de Alvear e Estudio sobre la carne, unha composición de Hugo Gómez Chao realizada por encargo da JONDE para a súa intervención nas XMC.

Escrita en 2023, Brana forma parte dunha triloxía baseada na astrofísica que a autora está a desenvolver e que define como “algo así como dicir que estou na procura do meu anaquiño de ceo”. A dicir da compositora, as branas son “a finísima distancia que, como burbullas de xabón, separa universos. Cientificamente falando, pódese estar nunha brana. De feito, hai científicos que cren que o noso universo está entre dúas branas. A fraxilidade e a grandeza que iso significa inspiroume para facer esta obra; a súa simplísima formulación, xunto coas súas enormes complicacións matemáticas”.

Estudio sobre la carne é unha peza que reflexiona sobre distintos tipos dedensidade: é un estudo sobre a fisicidade do son. A Gómez Chao gústalle pensar nese ensemble como un músculo, como se todos eses corpos que tocan os instrumentos, os ventos e as cordas, fosen un mesmo corpo que é golpeado enerxicamente. Cada novo son que aparece modifica significativamente o que soará despois. Cando o compositor estaba escribindo, non deixaba de pensar na música do romanticismo, nese son de Bruckner ou Mahler, nunha gran densidade de son que se tensa ao máximo e que, froito desa intensidade, desa actitude, adquire unha cualidade física. O propio compositor confesa: “ás veces, cando estaba escribindo, pensaba que case podía tocalo e cravalo no papel. Todo soa apaixonadamente. Aparece a carne”.

Antes do concerto, ás 19.30 horas, a musicóloga Rosa Fernández baixo o título 'Miradas sonoras', ofrecerá unha sesión comentada con notas ao programa para coñecermos en detalle esta proposta artística.


PROGRAMA

• Pierre Boulez (1925-2016): Éclat (1965)
• María de Alvear (1960): Brana (2024) Estrea absoluta
• Hugo Gómez-Chao (1995): Estudio sobre la carne (2024). Estrea absoluta. Encargo da JONDE
• Jörg Widmann (1973): Freie Stücke (2002)

Duración: 
60 min
Entradas: 

Acceso de balde até completar capacidade

Funcións: 
Domingo, 9 Xuño, 2024
20:30
Auditorio de Galicia