O Auditorio de Galicia pon en marcha unha serie de visitas guiadas dirixidas ao estudantado de centros de ensino e centros con necesidades especiais para percorrer a exposición de traballos finalistas ao Décimo cuarto Premio Auditorio de Galicia para artistas noveis.
A mostra reúne 31 obras de diversas disciplinas artísticas, elaboradas por 32 creadoras e creadores e seleccionadas por un xurado especializado. Xuntas, constrúen un percorrido enriquecedor no que cada artista dá mostra dunha linguaxe propia, empregando técnicas como a pintura, o debuxo, a fotografía, a instalación, o vídeo ou a vídeo-performance. A través delas abórdanse temas variados e preocupacións compartidas, que conectan directamente coas inquedanzas da sociedade actual da que tamén son espello.
INFORMACIÓN PRÁCTICA
As visitas realizaranse os martes e xoves. Consulta as datas dispoñibles no FORMULARIO DE INSCRICIÓN
- Dirixidas a centros de ensino e centros con necesidades especiais.
- Para estudantes de 10 anos en diante.
- Visitas de balde.
- Duración aproximada: 45 min.
- Máximo recomendado: 30 persoas por grupo.
- A inscrición pecha ás 14.00 h do día anterior a cada visita.
- Recibirase confirmación no enderezo electrónico que se indique no formulario.