UTÓPICAS. ARTE E TERRITORIO

DATOS BÁSICOS

Utópicas. Arte e Territorio é un proxecto experimental que reivindica a importancia da cultura como medio para fomentar vínculos comunitarios e crear espazos de diálogo emancipadores. Deseñado por 7H Cooperativa Cultural, o proxecto sitúa á cidadanía de Compostela no centro da produción artística e comisarial, disolvendo o concepto da autoría individual e redescubrindo a institución cultural como espazo propio desde o que transformar a cidade.

Arte e territorio

Utópicas propón explorar os campos de traballo artístico situados arredor do concepto de territorio como espazo material e simbólico. A través das diferentes disciplinas da arte contemporánea, o proxecto busca desenvolver de xeito comunitario cinco accións culturais que, explorando as subxectividades que agroman no noso contexto e no seu polisémico significado, reafirmen as identidades existentes e sementen oportunidades de que xordan outras novas.

Laboratorio cidadán

Seguindo o formato dos laboratorios cidadáns, espazos nos que persoas con distintos coñecementos se autoorganizan para desenvolver proxectos colectivos, promoverase a xeración de cinco comunidades de aprendizaxe e creación artística para converter ao Auditorio de Galicia nun espazo de participación, pensamento e acción cultural.

Pechados os prazos da convocatoria de ideas e da convocatoria de colobarodoras /es realizaranse reunións de traballo para desenvolver os proxectos seleccionados.

Exposición (outubro 2022 - xaneiro 2023)

A sala Isaac Díaz Pardo acollerá no mes de outubro, e até xaneiro de 2023, o resultado dos proxectos desenvoltos ao abeiro do laboratorio. Alén dunha exposición, Utópicas pretende funcionar como un dispositivo de activación do contexto cultural e de traballo en rede que, lonxe de ser un elemento de consumo cultural, se converta en medio de expresión e apoderamento colectivo.

Tras recibir un total de 30 propostas durante a Convocatoria de Ideas, as iniciativas seleccionadas para transformar Compostela desde a arte son:

  • Corpos en Resistencia. Laboratorio de reflexión e creación arredor da migración.  Idea que busca visibilizar e reivindicar as identidades e vivencias das persoas migrantes e/ou racializadas da cidade desde os seus propios relatos e subxectividades.
  • Rúas da memoria. Laboratorio de recuperación, transmisión e difusión da herstoria compostelá. Idea que busca resignificar as rúas e os espazos da cidade para reivindicar a memoria histórica de Compostela desde os feminismos.
  • Libros que fan barrio. Laboratorio de deseño e creación de minibibliotecas de rúa. Idea que busca articular espazos públicos de sociabilidade, repouso e comunidade na área do barrio de San Pedro.
  • Percorrendo a memoria. Laboratorio de mapeado colaborativo e recollida de saberes domésticos arredor da biografía colectiva. Idea que busca poñer en valor a experiencia das mulleres maiores (+70 anos) e a súa participación nos cambios sociais e culturais do barrio dos Concheiros - As Fontiñas.
  • Na procura dun bosque. Laboratorio para transformar o espazo urbano desde os coidados e o xogo libre. Idea que busca recuperar a cidade para a infancia, poñendo en valor os espazos verdes de Compostela e integrando a perspectiva lúdica e os coidados na análise do territorio.
Entradas: 
  • APERTURA DO RESULTADO DOS PROXECTOS NA SALA DE EXPOSICIÓNS DO AUDITORIO: OUTUBRO 2022

___

  • HORARIO Sala Isaac Díaz Pardo_Auditorio de Galicia
  • Todos os días de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h

    (Os días de concerto a sala de exposicións pecha ás 19.00 h)

  • Entrada de balde

  • PROTOCOLO DE ACCESO SEGÚN MEDIDAS SANITARIAS VIXENTES

____

CONVOCATORIA DE COLABORADORAS/ES_do 20 de abril ao 11 de maio de 2022_prazo pechado

CONVOCATORIA DE IDEAS_ do 23 de marzo ao 13 de abril de 2022_ prazo pechado

Funcións: 
Mércores, 20 Abril, 2022 a Mércores, 19 Outubro, 2022
Auditorio de Galicia
MULTIMEDIA