UNDÉCIMO PREMIO AUDITORIO DE GALICIA PARA NOVOS ARTISTAS

DATOS BÁSICOS

BASES 2019

1. CONVOCATORIA

O Auditorio de Galicia, que ten encomendada a actividade cultural do Concello de Santiago de Compostela, convoca a undécima edición do Premio Auditorio de Galicia para novos artistas 2019 co obxectivo de fomentar os valores culturais e a promoción das novas e novos artistas de Galicia, estimular o seu labor creador e apoiar e incentivar a creación e difusión das súas obras.

O Auditorio de Galicia é consciente da amplitude do mundo da arte, por isto, e coa única necesidade de perfilar o ámbito do Premio, dirixe esta convocatoria ao ámbito autonómico e ás/aos artistas cuxa traxectoria non está aínda consolidada, acreditando o talento das/dos artistas e contribuíndo ao enriquecemento e coñecemento da creación contemporánea e ao patrimonio cultural galego.

2. PARTICIPANTES

Poderán participar artistas que nacesen ou residan en Galicia e sexan menores de 40 anos o 31 de decembro de 2019. A participación poderá ser individual ou como colectivo. Neste último caso todos os membros do colectivo deberán cumprir estes requisitos.

3. REQUISITOS

a · Cada artista/colectivo poderá participar cunha soa obra, única ou como serie, realizada en calquera tipo de técnica ou soporte (pintura, escultura, fotografía, vídeo, instalación…). As obras deben ser orixinais e inéditas.

b · De comprobarse, en calquera fase do concurso, que as obras non son orixinais ou inéditas quedarán excluídas. Considerarase que non son inéditas se foron difundidas ou publicadas na rede.

c · Deberán presentar toda a documentación que se require no punto 5.1.b.

4. MEDIDAS DAS OBRAS

 a · As medidas para pintura e fotografía non poderán exceder dos 250 × 250 cm se é obra única. Se se trata dun díptico ou dunha serie, as medidas máximas serán de 400 cm incluíndo os espazos entre as pezas.

Non serán admitidas obras protexidas con cristal. Admitiranse as protexidas con metacrilato ou similar.

b · As dimensións das esculturas non deberán exceder dun cubo imaxinario de 250 cm de lado nin dos 100 kg de peso.

c · No caso das instalacións, non poderán exceder dun cubo imaxinario de 400 × 400 cm de base.

d · No caso de obras de videocreación, o artista debe enviar o vídeo orixinal coa documentación. O Auditorio reserva o dereito de decidir a exhibición dos vídeos en loop.

5. FASES DO CONCURSO

5.1. PRIMEIRA FASE: ELECCIÓN DAS OBRAS QUE FORMARÁN PARTE DA EXPOSICIÓN VALORANDO A DOCUMENTACIÓN QUE PRESENTEN AS/OS ARTISTAS

Na primeira fase do concurso o xurado seleccionará as obras sobre a documentación que presente a/o artista. Nesta fase non se achegarán obras orixinais, a excepción de vídeos.

5.1.a. CRITERIOS DE VALORACIÓN

Serán avaliados de modo positivo:

· A innovación e a contribución á escena actual da arte.

· A coherencia co discurso conceptual enunciado polo artista.

· Que a obra seleccionada poida ser montada e adaptada aos recursos de que dispón a institución.

5.1.b. PRESENTACIÓN DE DOCUMENTACIÓN

As/os artistas deberán proporcionar a seguinte documentación, pola orde indicada e en papel:

I. Fotocopia do documento de identidade.

II. Acreditación de residencia só en caso de que no documento de identidade figure un lugar de nacemento de fóra de Galicia.

III. Enderezo postal, correo electrónico e teléfonos de contacto.

IV. Nome artístico ou pseudónimo co que desexa figurar.

V. Fotografía persoal* (o Auditorio reserva o dereito de reprodución).

VI. Fotografías da obra* (no formato dixital deberán ter calidade para a súa reprodución, 300 ppp a tamaño A4 en JPG, e indicar a posición).

VII. Ficha técnica completa da obra* (título, data, técnica e medidas).

VIII. Currículo resumido* que non exceda das 20 liñas (preferentemente en galego).

IX. Texto explicativo* da obra que

presenta ao concurso, non superior ás 20 liñas e preferentemente en galego (o Auditorio reserva o dereito

de reprodución).

X. O artista poderá achegar expediente artístico resumido con fotografías doutras obras ou información sobre o seu traballo.

XI. Valoración económica da obra para os efectos do seguro de estancia.

* Deberán presentar tamén copia en formato dixital editable das indicacións con asterisco. Esta copia pode achegarse en pendrive ou mandando o arquivo ao correo electrónico: exposicions@auditoriodegalicia.org

5.1.c. ENVÍO DE DOCUMENTACIÓN

As/os artistas deben presentar a documentación antes das 14.00 horas do venres 12 de abril de 2019.

Admitirase a documentación selada en oficinas de correos até o día 12 de abril incluído.

Non se aceptará documentación recibida con posterioridade á data indicada.

A documentación deberá enviarse ao seguinte enderezo:

DEPARTAMENTO DE EXPOSICIÓNS

Ref. Undécimo Premio Auditorio de Galicia

Auditorio de Galicia

Avda. do Burgo das Nacións, s/n

15705 Santiago de Compostela

5.1.d. SELECCIÓN (dossier)

Unha vez recibida a documentación, o xurado fará a selección entre as propostas presentadas. As/os artistas seleccionados formarán parte da exposición e da publicación que desta se faga.

5.2. SEGUNDA FASE: ENVÍO DA OBRA ORIXINAL

5.2.a. PRAZO E CONDICIÓNS DE ENTREGA DAS OBRAS SELECCIONADAS

I. O Auditorio de Galicia porase en contacto coas e cos artistas que se seleccionen para indicarlles o período de recepción das obras, que non serán aceptadas nin antes nin despois da data previamente acordada.

II. Os gastos de embalaxe e transporte das obras, ida e volta, correrán por conta da/o artista, que as poderá enviar por calquera medio de transporte ou presentándose persoalmente para depositalas no Auditorio de Galicia.

III. Todas as obras deberán estar embaladas. O Auditorio de Galicia non se responsabilizará do seu deterioro por unha embalaxe ou un transporte inadecuados. Deberán estar protexidas para a seguridade na súa manipulación.

IV. O Auditorio de Galicia emitirá unha póliza de seguro que cubrirá as obras durante a súa estancia na sala de exposicións; non se fará responsable dos posibles riscos durante o transporte. En caso de que na desembalaxe se detecte algún deterioro non se considerará responsabilidade do Auditorio.

V. O Auditorio de Galicia porá o máximo celo no coidado das obras recibidas.

VI. En ningún caso se aceptarán obras en mal estado.

VII. As/os artistas deberán achegar todos os elementos necesarios para a correcta instalación e exposición das obras. No caso de que algún elemento non sexa proporcionado polo artista, este deberá ofrecer opcións ou adaptarse aos elementos que o Auditorio estea en condicións de facilitar.

VIII. En caso de instalacións, as/os artistas estarán obrigadas/os a asistir á montaxe da súa obra, se o Auditorio de Galicia o requirise, nunha data que se acordará entre ambas as partes.

5.2.b. LUGAR DE ENTREGA DAS OBRAS SELECCIONADAS

As obras participantes recibiranse no Auditorio de Galicia, Avenida do Burgo das Nacións s/n, Santiago de Compostela, nas datas que se indicarán ás/aos artistas seleccionadas/os, de luns a venres en horario de 9 a 14.30 h.

6. EXPOSICIÓN

 As obras seleccionadas serán obxecto dunha exposición que se inaugurará no primeiro semestre de 2019.

 7. DEVOLUCIÓN DAS OBRAS

 Finalizado o período expositivo, as obras poderán ser retiradas no mesmo lugar de recepción, nunha data previamente acordada.

 O Auditorio de Galicia non se fará responsable da conservación das obras non retiradas.

 8. XURADO

 O xurado estará composto por cinco membros con voz e voto:

· Presidente do Consello Reitor do Auditorio de Galicia ou persoa en que delegue, como presidente deste xurado.

· Anne Heyvaert, coordinadora do Master en Arte Contemporánea, Creación e Investigación facultade BBAA.

· María Marco Covelo, crítica e comisaria.

· Santiago Olmo director Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC.

· Miguel Anxo Rodríguez, profesor historia da arte USC.

· Director-xerente do Auditorio de Galicia ou persoa en quen delegue, que actuará como secretaria/o deste xurado, con voz e sen voto.

O Auditorio de Galicia resérvase o dereito de substituír algún dos membros do xurado en caso de que non puidese asistir ás deliberacións. A resolución final do xurado farase pública no acto inaugural da exposición.

A decisión do xurado será tomada por maioría absoluta e é inapelable.

9. PREMIOS

 Outorgaranse os seguintes:

· Un primeiro premio de 6.000 euros.

· Un segundo premio de 3.000 euros.

· Un terceiro premio de 2.000 euros.

Os premios quedan sometidos ao imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) de acordo coa lexislación vixente.

As obrigas económicas que se deriven da concesión dos premios realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 33400 48000 Undécimo Premio Novos Artistas 2019 do orzamento xeral do Auditorio de Galicia.

10. ACEPTACIÓN BASES

Os/as artistas seleccionados/as autorizarán a citación do seu nome así como a reprodución gráfica da súa obra para calquera tipo de difusión ou publicación que o Auditorio de Galicia considere oportuno facer dela.

A participación neste certame implica a total aceptación das súas bases e a conformidade coa decisión do xurado.

A organización resérvase o dereito de facer modificacións ou tomar iniciativas non reguladas nestas bases, sempre que supoñan melloras que afecten directamente ao éxito do certame.

O xurado resérvase o dereito de declarar deserto algún ou todos os premios.

A interpretación das bases é cometido exclusivo dos membros do xurado.

11. INFORMACIÓN

Máis información

· web: compostelacultura.gal

· twitter: @CCultura

· facebook: CompostelaCultura

· teléfono: 981 552 290

· enderezo electrónico: exposicions@auditoriodegalicia.org

 

Información da billeteira: 

ENVÍO DE DOCUMENTACIÓN ANTES DAS 14.00 H DO 12 DE ABRIL DE 2019

 

Funcións: 
Venres, 1 Febreiro, 2019 a Venres, 12 Abril, 2019
Auditorio De Galicia

UBICACIÓN

Auditorio de Galicia