TERRA DE SOÑOS. CRISTINA GARCÍA RODERO

DATOS BÁSICOS

'Terra de soños' (A India máis descoñecida),  forma parte do programa Arte na Rúa, a través do cal a Obra Social ”la Caixa” quere achegar a arte ás persoas, fóra do marco habitual de museos e salas de exposicións. Conta coa colaboración da Fundación Vicente Ferrer e o Concello de Santiago de Compostela.

“Unha exposición que amosa a singularidade e asimetría do mundo rural da India”

“Un escenario onde se confunde o pasado co presente, o natural co sobrenatural e o fantástico”

“Unha homenaxe ao poder transformador feminino”

© imaxes Cristina García Rodero

___

Esta exposición fotográfica reúne un torrente de imaxes representativas das comunidades rurais da India que cautivan pola súa calidade compositiva e a súa viveza. Da man da fotógrafa Cristina García Rodero, descubrimos a ollada das súas xentes e adentrámonos nunha paisaxe que semella suspendida no tempo. A mostra afonda no máis sensible e máxico do mundo feminino e na forza e a capacidade de superación das mulleres de Anantapu (Andhra Pradesh).

A través da súa obra, Cristina García Rodero proponnos un particular xeito de ver a India, un mundo complexo e fragmentado. Cada fotografía constrúe un código visual coherente e sobre todo transcendente. A imaxe que se transforma en arte. O Obxectivo é achegar a cultura a todas as persoas e dar voz a quen outros ignoran. A fotógrafa, cun estilo inequivocamente propio esvaeu as barreiras territoriais a prol dos dereitos humanos.

Unha mostra dirixida a todos os públicos.

Biografía

Cristina García Rodero (Puertollano, Cidade Real, 1949) é licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, onde se inicia xa na fotografía no ámbito universitario.

En 1974 comeza a súa carreira docente e paralelamente dedícase desde entón a investigar e fotografar as celebracións populares e as tradicións relixiosas e pagás, principalmente en España, aínda que tamén nos países da Europa mediterránea. Primeira española en entrar na prestixiosa axencia fotoxornalística Magnum, atópase entre os profesionais da fotografía de maior relevo e transcendencia creativa en España. A súa sensibilidade e curiosidade cara aos mundos que explora, xunto cun continuado e elaborado traballo fotográfico levado a cabo ao longo dos anos, fan que as súas fotografías iradien unha forza abraiante sen caer no exhibicionismo nin no artificio. As imaxes de Cristina García Rodero son potentes pero reais, froito da súa paixón pola vida e as persoas.

Recibiu numerosos premios, entre os que destacan o World Press Photo 1993, o Premio Nacional de Fotografía 1996, o FotoPres ”la Caixa” 1997, o PHotoEspaña 2000 e o Premio Godó de Fotoxornalismo 2000. Así mesmo, en 2005 concedéronlle a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes e en 2016, a Medalla de Ouro de Castela-A Mancha.

Nesta liña inscríbense diversas actuacións de ”la Caixa” para amosar a influencia das imaxes na sensibilidade contemporánea e destacar o papel dos grandes creadores visuais do século xxi no noso xeito de ver o mundo.

 

 

Información da billeteira: 

Visitas guiadas para todos os niveis educativos

Do 12 de abril ao 8 de maio de 2019

Capacidade: 25 persoas max.

Duración: 1 hora

Actividade gratuíta previa reserva no teléfono 900 80 11 37

 

Funcións: 
Venres, 12 Abril, 2019 a Mércores, 8 Maio, 2019
Alameda

UBICACIÓN