SEMANA DO PATRIMONIO INVISIBLE

DATOS BÁSICOS

A Semana do Patrimonio Invisible é un ciclo que abre as portas de tesouros, habitualmente fechadas, e deseña unhas visitas guiadas de pequenos grupos para que os seus usuarios garden na memoria unha experiencia cultural única. As visitas guiadas que realizamos na Semana do Patrimonio Invisible baséanse en dúas premisas: a calidade do discurso narrativo e a protección dos bens culturais que visitamos. Por este motivo as prazas para cada quenda de visitas son limitadas, e o proceso de reserva precisa da confirmación mediante correo electrónico por parte da organización a cada visitante.

Neste 2022 un total de 638 persoas van poder gozar das 50 visitas que a SPI vai realizar a 10 lugares, entre elas, dúas visitas secretas que se desenvolverán no serán do 16 de setembro e un percorrido nocturno pola Compostela máis oculta, dentro da celebración da Noite do Patrimonio, o 17 de setembro. Ademais, o Convento de San Francisco, a capela e o cemiterio da Confraría do Rosario en San Domingos de Bonaval e o Arquivo Histórico Universitario son outras tres das novas incorporacións ao programa da SPI. Xunto a elas, en resposta á gran demanda que determinados espazos tiveron nas pasadas edicións, visitarase a Tribuna da Catedral, a Fundación Laboral de la Construcción, a Facultade de Xeografía e Historia, o Colexio de Fonseca e, na tarde do mércores 14 de setembro, os mananciais composteláns de Ponte Mantible e Fonte Branca.

As visitas, cunha duración aproximada dunha hora, estarán integradas por grupos de 15 persoas, agás no caso dos mananciais, onde a peculiaridade do espazo reduce os grupos de acceso a 6 persoas, que comezarán o seu percorrido arredor da arquitectura da auga en Compostela en quendas que sairán cada 15 minutos.

A apertura das inscricións terá lugar o próximo venres, día 9 de setembro, ás 17 horas a través do apartado de reservas da web www.patrimonioinvisible.gal.

OUTROS EVENTOS

Ademais das visitas guiadas, o programa complétase con dúas propostas musicais e escénicas:

- Concerto do Coro Capela Antiga arredor de cantorais de Polifonía da Catedral o martes 13, ás 20.30 h, en Santo Agostiño

- Celebración da Noite do Patrimonio que organizamos, como cada ano, de forma conxunta co Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Será o sábado 17 cun percorrido nocturno pola Compostela máis oculta e o espectáculo de danza ‘Los perros’ de Led Silhouette e Marcos Morau na Igrexa da Universidade.

Máis información: patrimonioinvisible.gal

Acceso: 
  • compostelacultura.gal
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462

VISITAS: reserva a partir das 17.00 h do venres 9 de setembro aquí

Info práctica: 
Luns, 12 Setembro, 2022 a Sábado, 17 Setembro, 2022
Varios lugares