'SALT ITINERARY' DE MIGUEL AZGUIME, NO RESPIRA!

DATOS BÁSICOS

Santiago de Compostela celebra o solsticio de verán co festival Alguén que respira!, poesía para todas as sensibilidades no día máis longo do ano. A segunda xornada do festival acolle este luns día 21 de xuño as regueifas de Manolo Maseda, Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Xurxo Souto xunto á ópera sonora ‘salt itinerary’ de Miguel Azguime, que se presenta no Teatro Principal a partir das oito e media da tarde.

O tránsito popular das rúas de Compostela e o Teatro Principal –un dos primeiros espazos de exhibición con propiedade pública que houbo no país– únense este luns día 21 de xuño para celebrar o solsticio de verán co festival Alguén que respira!, o gran acontecemento poético que cada ano se celebra en Galicia. Nas rúas será onde comece, a media tarde, o programa de regueifas, onde participan Manuel Maseda, Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Xurxo Souto, catro dos máis celebrados representantes do xénero ao que lle tributa homenaxe o festival como recoñecemento na súa contribución á poesía oral galega. Os regueifeiros, por parellas, farán un percorrido por catro prazas da cidade ata reunirse diante do Teatro Principal pouco antes de que comece a actuación [20,30 horas] do poeta e performer portugués Miguel Azguime.

Nesta cuarta edición, o festival celébrase ao longo do ano en catro programas, coincidindo sempre nos días 21 de solsticios e equinoccións. O pasado 21 de marzo –Día Mundial da Poesía– o festival inaugurouse cun recital titulado + ou - 21 [anos], en referencia á idade media dos poetas que integran o programa, e contou coas voces de Iago González, Belén Senín, Maria Bras, Martin Bidaur, María Isern e Mario Obrero. Os días 21 de setembro e 21 de decembro terán lugar os próximos programas, que se articularán de acordo cos protocolos sanitarios de cada momento segundo o estadio do covid-19.

Miguel Azguime e ‘salt itinery’
Alguén que respira! acolle este ano a un dos artistas portugueses máis inquietantes das ultimas décadas, o compositor, poeta e performer Miguel Azguime, que estrea en Galicia sal itinerary, un dos seus espectáculos máis celebrados, unha refexión sobre a creación e a loucura. Trátase dunha ópera multimedia que xira arredor da linguaxe, da palabra-sentido e da palabra-son, ambas tratadas como dimensións da voz en canto extensión do corpo e totalmente integradas na construción escénica como proxección tanxíbel da resonancia das palabras. Audio, vídeo e procesos electrónicos en tempo real asociados á proxección espacial da voz, da poesía, do xesto, da música e do trazo, concibidos para desenvolver unha polifonía de sentidos, un contrapunto de significados e mais unha exuberancia de emocións.

Azguime –que actúa este 21 de xuño no Teatro Principal de Compostela a partir das 20,30 horas– está aocmpañado por Paula Azguime [staging & video creation; proxección de son e live-electronics],Presea Mamdillo [video directing e live video, asistente de computación] e André Bartetzki [videoprogramación]. A proposta ten desenvolvemento técnico de Miso Studio.

O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O concello conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón en comunicación e Iris Cochón na coordinación literaria.

Entradas: 
  • RETIRADA DE ENTRADAS EN LIÑA: XOVES 17 DE XUÑO_10.00 H
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. Aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Domingos de 11 a 14 h (Luns pechado). Teléfono 981 542 462
  • Despacho de billetes do Teatro Principal. Aberto o día do espectáculo desde 1h antes do comezo do mesmo. Teléfono: 981 542 349

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

PROTOCOLO DE ACCESO A ESPECTÁCULOS PUBLICADO NA PORTADA

Funcións: 
Luns, 21 Xuño, 2021
20:30
Teatro Principal