Materiais para un arquivo da cultura submarina. Sala Nasa 1992-2011
En outubro de 1992 abría as súas portas a Nave de Servizos Artísticos-Sala Nasa nunha nave industrial abandonada da rúa San Lourenzo, camiño de Fisterra, como testemuña da proximidade do cabo do mundo. Durante vinte anos a Nasa foi un espazo de encontro cidadán, un escenario aberto ás novas expresións da sociedade creativa e un instrumento de axitación cultural que conectou Compostela con axentes creativas de moitos outros lugares. A Nasa forma parte da memoria afectiva dunha xeración que viviu a cultura en primeira persoa, rachando as distancias coas artes vivas, a música en directo, a performance, a poesía, o cabaré... Trinta anos despois xuntamos algúns materiais que dan testemuño da actividade desenvolvida na Nasa, que falan dunha cidade que albiscou a cultura como eixo estratéxico para facela máis habitable. Unha escolma de documentos que forman parte dun arquivo oculto da cultura submarina de Compostela.
Rede Nasa
_____
16 de novembro
Presentación do libro 'Trinta e cinco anos de axitación cultural'
Zona C_ 18.00h visita a exposición con Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Miguel de Lira
Libraría Couceiro_ 19.00h presentación do libro
Até límite de aforo