RFG · MEMORIA · PROGRAMA DA TEMPADA 2026-2027

DATOS BÁSICOS

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa tempada 2026/27 baixo o título Memoria, unha proposta que explora a relación entre a música, a lembranza e a creación contemporánea. Na súa cuarta tempada como director titular e artístico da formación, Baldur Brönnimann deseña un percorrido que conecta grandes obras do repertorio sinfónico coas voces máis relevantes da creación actual, reivindicando a memoria como legado, inspiración e materia viva capaz de xerar novas formas de expresión artística.

Ao longo dos próximos meses, a orquestra afondará nos vínculos entre tradición e innovación a través dunha programación que reúne compositores históricos e contemporáneos, artistas internacionais de referencia e unha destacada presenza de talento galego. A pianista Eva Gevorgyan e o compositor Magnus Lindberg exercerán como artista e compositor en residencia nunha tempada que supón tamén a incorporación de César Ramos como director asistente da Real Filharmonía de Galicia. A programación contará ademais coa participación de figuras como Patricia Kopatchinskaja, Johannes Moser, Roman Simovic, Katrin Wundsam, Rufus Wainwright ou Michel Camilo.

A programación reforza algunhas das liñas estratéxicas que definen o proxecto da Real Filharmonía de Galicia: a aposta pola creación contemporánea, a visibilización das creadoras, a formación de novas xeracións de músicos e a apertura a novos públicos. O ciclo (EN)FOCO XACOBEO, os concertos didácticos, o proxecto participativo Cantamos!, o Curso de Dirección, o Obradoiro de Composición RFG/RESIS.LAB IV e a colaboración coa Escola de Altos Estudos Musicais consolidan un modelo de orquestra comprometido coa creación, a educación e a participación cidadá.

Fiel á súa vocación pública, a Real Filharmonía de Galicia continuará tamén fortalecendo a súa presenza no territorio, levando a súa actividade a auditorios e teatros de toda Galicia e impulsando iniciativas que favorecen o acceso da cidadanía á música sinfónica. Unha tempada para construír novas lembranzas colectivas a partir do poder transformador da música.

ABONOS

A renovación dos abonos da tempada 2026/27 poderá realizarse os días 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de xuño no teléfono do Auditorio de Galicia (981 571 026).

Os novos abonos estarán dispoñibles os días 1 e 2 de xullo e 15, 16 e 17 de setembro, tanto no despacho de billetes do Auditorio de Galicia como por teléfono e na Zona C · Punto de Información Cultural.

A tempada mantén as diferentes modalidades de abono para adaptarse ás necesidades do público habitual e tamén de quen prefira achegarse á programación de maneira máis flexible.

Ademais do abono xeral, continúan dispoñibles os abonos flexibles de 5 e 10 concertos, que permiten configurar un itinerario propio entre os concertos programados. Mantense tamén o abono específico para o ciclo (EN)FOCO XACOBEO, que inclúe os catro concertos desta programación especial.

A Real Filharmonía de Galicia continuará ofrecendo tamén a modalidade de abonos colectivos, dirixida a asociacións culturais e veciñais, escolas de música e centros educativos públicos, co obxectivo de favorecer o acceso colectivo á programación sinfónica.

 

 

Acceso: 
  • compostelacultura.gal
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • Despacho de billetes do Auditorio de Galicia. O día do espectáculo desde 1 h antes do comezo do mesmo. Tel.: 981 571 026
  • Descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

Info práctica: 
Venres, 19 Xuño, 2026 a Domingo, 6 Xuño, 2027