REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
Baldur Brönnimann, director
Juan Pérez Floristán, piano
PROGRAMA
José María Sanchez Verdú: Cárcel de amor (proxecto Cometas). Estrea absoluta
Béla Bartók: Concerto para piano núm. 2, BB 101
César Franck: Sinfonía en re menor
Coa participación do alumnado da EAEM
Abre este concerto a nova encarga ao compositor andaluz, Premio Nacional de Música, José María Sánchez-Verdú, titulada Cárcel de amor. O programa continúa cunha das páxinas máis extraordinarias do repertorio concertante do século XX: o Concerto para piano núm. 2 de Béla Bartók. Composto entre 1930 e 1931, trátase dunha obra de enorme esixencia técnica e expresiva, na que o compositor húngaro procura unha escrita máis clara e transparente ca na súa primeira tentativa concertante. A partitura destaca pola súa riqueza rítmica e pola imaxinación tímbrica, en diálogo coa influencia do folclore maxiar. Os seus tres movementos responden a unha estrutura simétrica próxima ao principio do palíndromo, tan característico do pensamento musical bartokiano.
Na segunda parte, escoitaremos a Sinfonía en re menor de César Franck, unha das obras capitais do sinfonismo francés do século XIX. Estreada en 1889, esta partitura revela o profundo dominio da forma cíclica por parte do compositor, facendo reaparecer e transformar os seus motivos ao longo dos tres movementos da obra. A escrita orquestral combina intensidade dramática e lirismo, cunha arquitectura sonora de grande cohesión que culmina nun final luminoso e afirmativo.
Ás 19.45 h, Conversando con... Baldur Brönnimann e Juan Pérez Floristán na Sala Mozart.